Xoves. 14.11.2019
El tiempo

Veciñ@os polo mundo: "Aprendín a vivir con esa morriña"

Veciñ@os polo mundo: "Aprendín a vivir con esa morriña"
Pablo Honey, e o seu irma Diego, na ponte de Brooklyn Pablo Honey, e o seu irmá Diego, na ponte de Brooklyn Se no pasado capítulo de Veciñ@s polo mundo fomos cun zasense ata México, hoxe tócanos volver a Nova York da man doutro oriundo de Zas. Pablo Blanco Veiga está afeito a moverse polo mundo polo que non lle quedou máis remedio que aprender a vivir coa morriña botando moito de menos a familia e as comidas da súa avoa.
  • QPC: Como te chamas?
Pablo Blanco Veiga, ainda que no mundo profesional son coñecido como Pablo Honey.
  • QPC: De onde es?
Son de Zas, de parte de pai de Romelle, e da parte materna de Meanos.
  • QPC: Onde vives agora?
Vivo en Nova York. Concretamente traballo en Manhattan onde se concentra o barullo empresarial, e teño a miña casa en Brooklyn, onde se concentra a enerxía xove. 
  • QPC: Por que motivo te trasladaches aí?
Traballando en Barcelona contactáronme dunha axencia de publicidade que ten sede aquí en NY, fixéronme unha oferta e non puiden dicir que non. Sempre tiven a ilusión de vivir nesta cidade pola enerxía que ten e de traballar nesta empresa que é a referencia mundial da comunicación innovadora.
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches?
Fai case catro anos, previamente en Barcelona durante sete.
  • QPC: En que traballas?
Son director creativo na axencia R/GA, e co meu equipo pensamos ideas para marcas globais como Nike, Volvo ou Fossil que inclúe estratexias de negocio e deseño de productos e servicios como apps, wearables, intelixencia artificial ou realidade virtual. 
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?
Teño morriña da familia sobre todo; gustaríame telos máis cerca. Boto de menos pequeños momentos cos amigos ou con meu pai. Tamén as filloas de miña nai e as comidas de miña avoa Preciosa. Pero ainda que nacín en Galicia, crieime en Suiza con pais emigrantes, e despois movinme bastante, así que aprendín a vivir con esa morriña.
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
A verdade é que non moito, non teño moito tempo nin espacio mental para consumir máis información, pero sí que estou ao tanto con grupos de whatsapp da familia ou amigos, e de canto en vez, por Facebook.
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Viaxo unha vez, pero se estou por traballo en Europa intento dar o salto algunha vez máis.
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Canta xente tes traído de aí a visita a Costa? A canta lle tes falado dos nosos recunchos??
Son galego de arriba abaixo e sempre falo da nosa idiosincrasia, da comida e das paisaxes da Costa da Morte, incluso cando dou conferencias polo mundo case sempre comezo por Galicia. Tamén do idioma, tristemente pouca xente sabe que temos unha lingua oficial e rica que vale a pena conservar e usar. Somos como falamos, e non desaproveito ocasión para falar en galego con amigos que o entenden.
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?
Moitas. A velocidade de como acontece todo, que pode ser bo e malo. A variedade cultural que atopas aquí é moi gratificante e faiche medrar como persoa, vendo que a nosa verdade non é a única verdade. 
  • QPC: Que cousas importarías para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Dalgún xeito, Nova York vive cara o futuro, é eternamente cambiante, cunha enerxía artística e de emprendemento fantástica. Mentras que Galicia segue encallada en conversacións pasadas, vivindo moito para dentro en lugar de para fóra e para o futuro. Pero tamén digo que por sorte viaxei bastante e Galicia segue tendo unha maxia especial que é incomparable, ademais de ser a terra dos meus pais. Importaría os mariscos (sobre todo os percebes) pero perdería o romanticismo do lugar no que se deben cociñar e comer.
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?
Aquí, pola velocidade que acontecen as cousas, vives moitas anécdotas. Sería difícil resumilas, pero como curiosidade, cando me fixen socio da Casa Galicia, tiven que pasar unha entrevista demostrando a miña galeguidade e procedencia, cousa que me fixera moita gracia. 
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Por sorte teño bos amigos galegos con moito talento que tamén traballan aquí na industria creativa. Pero non son costeiros. O único veciño que coñezo é Victorio de Gándara-Zas, un home con moitas historias polo mundo que xa leva 40 anos aquí. Con el xúntome ás veces na Casa Galicia de Nova York a tomar un vermú.
  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?
A verdade é que non o sei. Estou a gusto aquí, así que polo de agora non. Sobre todo vendo o estado lamentable no que está Galicia e España a nivel político. Espero que entre todos lle demos a volta a esto lle demos espazo aos novos para ser creativos en Galicia e exporten coñecemento e talento, que o hai. Non só exportar emigrantes. 

Veciñ@s polo mundo

Estes son algúns dos [email protected] que xa temos visitado polo mundo. Se queres contarnos a túa historia ponte en contacto en [email protected], polo Facebook Que pasa na Costa ou no whatsapp 637 704 893.

Outros artigos migratorios

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios