Veciñ@s polo mundo: Un deportivista zaense na neve
Continuamos percorremos a sexta comarca da Costa da Morte, a diáspora. E hoxe toca irmos ata un deses destinos históricos dos nosos veciñ@s, Suiza. Hai 60-70 anos que xa comezaba a emigración costeira ao país dos cantóns. En pleno século XXI, os nosos moz@s volven ter que marchar da casa na procura de traballo.
Así lle acontece ao zaense Christian Rodriguez, ex xogador do Fútbol da Costa (afeccionados do Baio, Nantón e Sofán vírono percorrer a banda esquerda), agora fai de adestrador e é un dos fundadores da Peña Deportivista Bergantiños de Berna.
Christian no Zitglogge, o reloxo de Berna- QPC: Como te chamas?
Cristian Rodríguez Fernández.
- QPC:De onde es?
Fornelos (Baio-Zas). A verdade é que xa nacín en Suiza, pero con 4 ou 5 meses marchei para Galicia e quedei cos avós, ata que volveron os meus pais. E xa ves, agora toca emigrar, como os meus pais hai 50 anos.
- QPC:Onde vives agora?
Köniz, Berna (Suiza).
- QPC:Por que motivo te trasladaches aí?
Traballo.
- QPC:Canto tempo fai que te mudaches?
En abril de 2012.
- QPC:En que traballas?
Construción. Aquí non hai problemas de choio. Agora toca volver a empezar na construción, porque estiven de baixa despois de operarme da “espalda”.
- QPC:Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?
Claro que se bota de menos. Normal que se bote de menos. O marisquiño, as festas, de todo… Aí se non hai festa estamos jodidos. Aquí é diferente. Non hai como as festas nos “pueblos”. É doutra maneira. Non é que sexa peor, pero non che hai as festas de alá..
- QPC:Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
Si, sempre, sempre miro La Voz de Galicia, Que pasa na Costa, sempre me gusta mirar os equipos nos que xoguei, Baio, Nantón e Sofán. Para os que estamos fóra é fantástico o formato en dixital, sempre pincho QPC para seguir o Fútbol da Costa. Aínda a última vez que fun a Galicia estiven vendo o Sofán-Soneira en Sofán, con moi bo ambiente. O campo de Sofán sempre tivo moita xente, e ao ser un campo pequeno sempre parece que hai unha boa sensación.
- QPC:Como é o fútbol alí?
Agora non practico por mor das costas, pero estou de adestrador do CF España da 5ª Liga, equivalente á Liga da Costa. Case todos son todos españoles, e moitos galegos, e pero a maioría xa naceron alá. Hai dous ou tres suizos, e varios rapaces turcos pero que levan alí toda a vida. No equipo teño dous rapaces irmáns que son de Laxe, Javi e Christian, curmáns de Anxo, do Villanovense.
En todo caso, non hai ese ambiente da Liga da Costa. Hai campos aos que vai xente, pero non ese ambiente dun Baio-Zas ou un Nantón-Cabana ou Sofán-San Lorenzo, ese ambiente de derbi con 200 persoas no campo. Hai xente pero non igual que alá. Esto tamén se bota de menos, que che ameacen dende fóra co paraugas… Eso é a Liga da Costa.
- QPC:Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Fun o setembro pasado e xa levaba un ano sen ir por mor da operación. Pero seguramente un par de veces ao ano. Verán e Nadal inténtase, menos o ano pasado, porque co conto da Peña fomos ver o Dépor-Celta. Unha das alegrías do ano, vaia.
- QPC: Presidente da Peña deportivista Bergantiños de Berna. Como vai a cousa?
Somos 27 socios, que xa é bastante tendo en conta que a Peña é oficial dende xaneiro, pero levamos dende xullo do ano pasado traballando nela.
Somos 3 fundadores, Mark Pena (Carballo), Óscar Porto (Laracha) e mais eu. Hai unhas semanas estiven no adestramento do Dépor, despois de falar con Álex Bergantiños para facerlle a entrega dun detalliño, o carnet de socio de honra da Peña e el deume unha camiseta asinada, e dedicounos a nova pancarta.
Quedamos sempre que xoga o Dépor. Reunímonos no Local Social, “A Nosa Taberna”, o xerente é de Rial (Zas), un bar de aquí no que sempre hai ambiente para os partidos, e sempre cheo de galegos. Hai ducias de galegos xogando a partida, como alá.
O día 2 de abril faremos un cocido con motivo da inauguración oficial da peña e da entrega duns obsequios os socios e mais para ver o Celta-Depor. A ver se hai sorte.
Christian Rodriguez con Alex Bergantiños en Abegondo- QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Canta xente tes traído de aí a visita a Costa?
Uh!! Eu sempre que podo falar de Galicia falo, iso sin dubidalo. Por agora levei á muller, que ela nunca fóra a Galicia, e gústalle moito ir a Santiago polo tema da Catedral. E en setembro do ano pasado levei a dous compañeiros, un galego e un catalán-italiano. Este nunca fora a Galicia e xa está tolo por volver. “O ritmo dos cubatas das Festas de Baio non eran normal”, dime.
- QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?
Isto é máis tranquilo. Non hai ese rebumbio habitual. E o tempo, porque hai máis sol na Costa da Morte que aquí, que xa é dicir. Aquí pódeche vir un mes no verán que sae o sol todos os días, pero é outro clima. Non chove, non hai esa humidade. Estamos a -6º e -8º, pero aguántase mellor o frío porque non humidade. Acabas acostumándote a que ás 17:30h xa é noite. Non é como aquí no verán, que atas ás 23:00h de día.
- QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Paisaxes non faría falta importar para a Galicia, pero a organización suiza si que nos viría moi ben. Se España en xeral tivera a organización que ten Suiza, non habia outro país para vivir.
E traería a gastronomía da Costa da Morte para Suiza, pero ollo co queixo e co chocolate suizos. Pero máis ben sería do revés, traería para aquí.
- QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Si, coño. Si, oh. Xa cando cheguei aquí, de aí a pouco sempre vas coñecendo, e de feito, os primeiros que coñecín aquí son dous rapaces de Rial e Carreira, cos que me movía sempre. E agora na Peña, no equipo de fútbol…
- QPC: Volverás á túa terra? Cando?
Si… aos 65 anos. Non, en serio, a verdade é así, mentres teña traballo, teño que estar aquí. Doe moito porque teño ao fillo na Laracha, cos avós, falamos todas as fins de semana por skipe e vén en verán e Semana Santa, pero a cousa é jodida. Pero como che digo, tendo traballo, e un traballo bastante fixo. E mentres haia traballo, hai que estar.
- QPC: Moitas gracias, Christian!
Veciñ@s polo mundo
- Veciñ@s polo mundo: Do Fútbol da Costa ás praias de Barcelona.
- De Santa Comba a NYC: “Cando lles amoso fotos da terra aos neoiorquinos o primeiro que me preguntan é que fago alí”.
Novas relacionadas
- 2 das 5 peñas deportivistas máis antigas son de Bergantiños:
- 20 peñas farán branquiazul a Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).