xoves. 04.06.2026
El tiempo

Zas abre o prazo para as actividades municipais do verán

CARTEL ZAS - O Concello de Zas reforza a súa aposta pola conciliación e o lecer infantil cun amplo programa de actividades para este verán
Zas abre o prazo para as actividades municipais do verán

O Concello de Zas presenta xa o programa de actividades de verán que combina propostas lúdicas, deportivas e formativas pensadas para facilitar tamén a conciliación da vida laboral e familiar durante o período vacacional. 

Dentro desta programación inclúense tres iniciativas principais:

  • os Campamentos de Verán municipais,
  • o Depor Campus Zas e
  • o Campamento Multideportivo. 

Os Campamentos de Verán do Concello de Zas están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolveranse en cinco quendas entre o 22 de xuño e o 28 de agosto nas Torres do Allo. A programación combina actividades educativas, culturais e de lecer, en horario de 10:00 a 14:00 horas, cun prezo de 15 euros por quenda. Ademais, habilítase un servizo de madrugadores desde as 8:45 horas cun custo adicional de 10 euros por quenda, co fin de adaptarse ás necesidades das familias. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de xuño. 

O Depor Campus Zas celebrarase entre o 20 e o 24 de xullo no campo municipal Platas Reinoso e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. Esta actividade ofrece unha experiencia deportiva centrada no fútbol da man do Deportivo da Coruña, combinando formación técnica, convivencia e diversión. As inscricións permanecerán abertas ata o 14 de xullo a través da páxina web oficial do campus, e os xogadores e xogadoras do CD Concello de Zas poderán beneficiarse de descontos especiais. 

Por último, o Campamento Multideportivo está destinado a mozos e mozas de entre 8 e 14 anos e desenvolverase en dúas quendas, do 20 ao 24 e do 27 ao 31 de xullo, nos polideportivos de Baio e Zas. Ao longo destas xornadas, os participantes poderán desfrutar de xincanas, xogos, torneos e múltiples actividades deportivas, cun prezo de 15 euros e inscricións abertas ata o 15 de xullo. 

Para máis información ou para formalizar as inscricións nos Campamentos de Verán e no Campamento Multideportivo, as persoas interesadas poden contactar co Centro Sociocultural de Zas no teléfono 981 751 398, mentres que no caso do Depor Campus Zas as inscricións deberán realizarse a través da páxina web oficial da organización.

Comentarios