sábado. 22.03.2025
El tiempo

Zas ratifica a súa decidida aposta polo turismo

Zas ratifica a súa decidida aposta polo turismo

A contratación dun técnico de turismo, a dinamización das Torres do Allo, e o apoio ao Camiño de Santiago-Muxía por Brandomil, son as novas apostas turísticas do Concello de Zas.

Técnico de Turismo

Non son moitos os Concellos da bisbarra que conten con persoal especializado en materia turística. Zas será en breve, pois vén de publicar as bases para a contratación dun técnico/a de Turismo con carácter temporal, así como da creación dunha lista de substitución para futuras contratacións, coa finalidade de dispoñer de persoal especializado para a Oficina de Turismo do Concello de Zas.

Os/as interesados/as en participar no proceso de selección teñen un prazo de 7 días naturais, a contar a partir deste mércores 9 de maio, para presentar as súas instancias nas dependencias administrativas do Concello de Zas. A selección realizarase mediante o procedemento de concurso-oposición libre e o contrato terá unha duración de seis meses e a xornada completa.

Novas visitas de excepción ás Torres do Allo

Estudantes de Arquitectura visitando as Torres do Allo

Segue medrando a visibilidade do pazo zaseiro. Esta fin de semana as Torres do Allo tiveron a sorte de recibir algúns visitantes moi especiais. O sábado 5 achegáronse ata o pazo varios alumnos franceses do Centro de promoción Rural EFA de Fonteboa (Coristanco), da man do seu director Luís García. Alí descubriron os cambios que se produciron no traballo do campo desde que o pazo estaba habitado ata o momento actual. O viño foi o que máis sorprendeu aos alumnos.

Ademais, o domingo 6 a visita foi de alumnos da materia de Patrimonio arquitectónico Galego da Facultade de Arquitectura Técnica da Coruña, guiados polo Profesor Álvaro J. Iglesias. O grupo estaba a facer un percorrido por varios monumentos senlleiros da Costa da Morte como Dombate, os batáns do Mosquetín e as propias Torres do Allo.

Camiño de Santiago-Muxía por Brandomil

Así mesmo, o Concello de Zas – xunto cos de Vimianzo, Mazaricos, Santa Comba, Muxía e A Baña – unen as súas forzas para promocionar o Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil cunha ruta organizada e dividida en catro etapas que se realizarán os días 20 e 27 de maio e 3 e 10 de xuño.

Os/as interesados/as deben inscribirse no seu concello e o custe da inscrición é de 10 euros por etapa que se destinarán aos desprazamentos en bus, seguro, bocadillo, froita e auga. Poderán anotarse un máximo de 50 participantes por cada Concello patrocinador e os interesados que non pertenzan a ningún deles poderán participar sempre e cando non se cubran as prazas.

Novas relacionadas

Comentarios