Bota a andar o proxecto Candieira, un proxecto en clave de muller, mar e rede


Botaba a andar onte na Costa da Morte o proxecto de cooperación Candieira, un proxecto que pretende visibilizar e empoderar ás mulleres do mar promovido por 6 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) (Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda). Fíxoo con tres encontros para presentar o proxecto en Buño e Vimianzo e escoitar as achegas dos axentes institucionais e sociais do territorio.
O obxectivo desta Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, que conta con financiamento da Consellaría do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes e impulsar a súa autoorganización e reforzo desde o colectivo.
Talleres en setembro
Candieira quere “visibilizar o papel das mulleres dos territorios costeiros, o seu entramado empresarial, asociativo e cultural de cada zona e que sirva de revulsivo”, explican desde o equipo técnico de Candieira. Tamén quere ser “unha ferramenta útil para enfrontar problemáticas concretas do sector”. Precisamente, unha das potencialidades de Candieira é “a súa flexibilidade” xa que nace e se constitúe desde a base, desde o análise concreto da realidade da zona, adaptándose a ela. "Muller, mar e rede -unión, asociación-, son as claves, a partir de aí, desde o punto de vista da diferencia, trátase de engadir un valor de modernidade, de innovación ás ideas que teñamos”.
A fase central do proxecto comezará en setembro, coa organización de talleres ou espazos de creación e intercambio de ideas en todos os territorios dos GALP participantes. Serán espazos de xeración de proxectos e experiencias ligadas ao mar onde todas as ideas individuais e colectivas serán benvidas. Un dos retos é que xurdan sinerxias entre as persoas participantes e que as ideas se poidan testar iniciativas que desemboquen en proxectos empresariais ou asociativos. A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa.
Para iso, é de vital importancia a implicación dos axentes locais e das persoas que a título individual acudiron hoxe aos encontros para informarse sobre o proxecto e achegar necesidades, barreiras e potencialidades do territorio.
Novas relacionadas
- Bota a andar Candieira, unha rede de apoio e promoción das mulleres do mar.
- As redeiras, pioneiras en materia de prevención.
- Calafateando: Redeiras, invisibles pero imprescindibles.
- Maio 2017: As Redeiras de Corme, artistas en Cee.
- Abril 2017: As Redeiras do Peirao entregan a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo ao Museo do Pobo Galego.
- Un proxecto do Galp Costa da Morte potenciará o turismo industrial
- Do GAC ao GALP pero mantendo a disección da Costa da Morte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Galp Costa da Morte