Cee queda sen regulamento para o impulso da lingua galega pola negativa de PSOE, PP e Ciudadanos

11:05 06/11/15

Críticas da Mesa pola Normalización Lingüística
Considera A Mesa un asunto grave pois o PSOE e o PP desatendía así a sinatura, neste pasado mes de xullo, da Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, por parte das forzas políticas galegas (PP, PSdG-PSOE, Anova, BNG, EU, CG, TEGA, Podemos, PG, AV, CxG e Cerna). A propia Mesa de Normalización enviou información a todos os grupos durante a tarde de onte. Pero tras recibir a negativa da edil socialista, a Mesa anuncia que solicitará ao PSdG-PSOE a desautorización do seu grupo municipal en Cee. Consideran a negativa a apoiar o regulamento para o impulso social da lingua galega de Cee que declara oficial o galego no concello unha actitude “incomprensíbel e vergoñenta”. Segundo indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega, tamén no concello de Cee, reflexo dunha realidade na que mesmo a posibilidade de uso e de facer unha vida normal en galego está moi limitada incluíndo a administración local”. Para a Mesa, “esta é a situación que hai que reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel, e por tanto audíbel e visíbel en todo canto dependa do concello ceense”. Neste caso, indicou, “nin sequera se poden acoller ao falso argumento da exclusión do castelán xa que o artigo 1 do regulamento, no seu segundo punto, di: “o galego será lingua oficial no concello de Cee, como tamén o castelán, lingua oficial en todo o Estado”. Pola súa parte, o responsble da Mesa na Costa da Morte, Alex López, preguntouse “a quen pode ofender que o galego teña unha presenza real e efectiva na vida dun concello da Costa Morte? “O que era un atraso é que en pleno 2015 non existise no concello de Cee unha norma que amparase o dereito das e dos ceenses a utilizaren o galego”, e reclamou “máis pasos para normalizar plenamente o uso do galego en Cee en toda a Costa da Morte, para que falar e vivir en galego en Cee, hoxe, deixe de ser un problema”. “Se algo hai que desterrar da Costa da Morte e de Cee, non é o galego, é o odio a todo canto nos é propio”. Fonte- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- A Mesa