Imprimir

A #ILPdoBosque recibe o apoio aos alcaldes de Bergantiños

que pasa na costa | 02 de marzo de 2018

ILP do Bosque Autoctono

Doble visita da Alianza por un Rural Galego Vivo (CIG, FRUGA e ORGACCMM) e Cousa de Raíces pola Costa da Morte. A semana pasada pasaban por Cee e este pasado xoves estiveron en Carballo ao longo do día presentando e buscando apoios para “Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular para a protección e mellorados hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”.

Non fo o mellor día para recoller sinaturas na praza do Mercado (polas circunstancias metereolóxicas evidentes), pero a sesión si que serviu para manter un primeiro contacto cos grupos municipais e representantes dos concells bergantiñáns. En todo caso, non puideron estar todos pola celebración doutra reunión polo que as entidades promotoras valoran voltar pola comarca.

En todo caso, Manuel da Cal, da FRUGA, valora a boa recepción de veciños e representantes municipais, aos que lle fixo entrega da moción que propoñen aprobar en cada concello de apoio á ILP, e os folletos para que animen á cidadanía a asinar a colleita. A nova lei obriga a xuntar 10.000 sinaturas para presentar a ILP a nivel galego, “e sabemos que imos superar con creces esa cifra, aínda que non temos feito o reconto, pois é unha problemática que abrangue a todo o país e estamos traballando de punta a punta”, sinala da Cal.

Pola tarde houbo unha Asemblea aberta á que acodiron unhas 40 persoas, interesadas en temas como a ordenación do monte.

Argumentos da ILP

Entre as razóns que nos levan a presentar esta Iniciativa Lexislativa Popular encóntranse, entre outras, que as políticas aplicadas desde entrada en vigor do Plano Forestal de Galiza (1992) non conseguiran compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais e en particular o bosque autóctono, así como que este Plano Forestal previa no horizonte de 40 anos que a presencia do eucalipto non superara as 245.000 hectáreas e segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN) de 2009 o eucalipto ocuparía unha extensión de 433,915 hectáreas, isto é case o duplo do previsto para 2032. A maiores nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veuse sumar aos plantíos xa existentes, xunto cos que medran fora de ordenamento, isto é, asilvestrados e ventureiros, o que permite que a día de hoxe se poda estar a falar de que o eucalipto estaría a ocupar unha extensión próxima ás 600.000 hectáreas. Este forte incremento vese favorecido pola aposta por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola plantación de especies de crecemento rápido que non deixan valor acrecentado na nosa terra, xunto coa aplicación dunha Política Agraria Común (PAC) que está contribuíndo a destrución das economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos o que provoca o abandono do rural e a conseguinte extensión do monocultivo destas especies sobre as terras agrarias abandonadas. Esta ocupación está tamén a atinxir aos espazos protexidos, contravindo a lexislación vixente. E o mais preocupante é que as plantacións masivas están invadindo as nosas aldeas e lugares co conseguinte perigo de producirse un incendio nas súas proximidades, como moi ben puidemos comprobar o pasado verao, onde na Galiza morreran 4 persoas, mas no veciño Portugal foran mais de 100. Pola nosa seguridade isto non o podemos permitir!!! Este modelo forestal contribúe a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos a través do PLADIGA -plano de loita contra os incendios- que custa anualmente arredor de 150 millóns de euros. Constátase, ao mesmo tempo, a escasa superficie ocupada polos montes de propiedade pública, cando a vocación destes espazos ten de ser a conservación dos valiosos hábitats naturais, chave para amortecer o cambio climático, que xa temos aquí, a conservación da natureza e a redución do impacto dos lumes forestais. Por iso esta ILP aposta por un modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo. Propomos o recoñecemento dos montes veciñais en mao común como unha titularidade distinta da pública e da privada, así como a prohibición de repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados e pastos, con independencia da súa cualificación urbanística.

Novas relacionadas

Fonte

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cabana/a-ilpdobosque-recibe-o-apoio-aos-alcaldes-de-bergantinos/20180302045302087242.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA