Imprimir

A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos

que pasa na costa | 15 de outubro de 2016

Un pracer seguir percorrendo a historia de Mazaricos, e da Costa da Morte, da man do técnico cultural Suso Jurjo. Hoxe vai de hórreos.  

”A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns”, por Suso Jurjo

Horreos en Cornes-Arcos-Mazaricos copia Hórreos en Cornes, Arcos “Miña sogra fixo un hórreo no máis alto do lugar, anque o aire non lle falta, non ten millo que gardar”.   Calquera que hai corenta ou cincuenta anos se achegara aos nosos lugares o primeiro que divisaba eran os hórreos que en pequenos agrupamentos ou formando unha imaxinaria e descontinua liña rodeaban todo o rueiro. O millo, polo mes de setembro, non acabou de madurar polo que as espigas contan cun elevado grao de humidade, pero o medo ás choivas do inicio do outono non permite rematar o proceso e adianta a súa colleita E aí está a cabaceira que non só cumpre funcións de almacenamento, senón que tamén contribúe ao secado das espigas e a unha boa conservación das mesmas . Para poder lograr esta función era prioritario que os hórreos se situaran en lugares altos ou espallados, sen o asoballamento doutras construcións que puideran impedir unha axeitada circulación do aire, de aí que aparezan levantados nos bordes dos lugares e, moitas veces, ademais, erguidos sobre considerables plataformas que lle proporcionaban un maior sentido aéreo que os asemellaba aos grandes monumentos conmemorativos que atopamos en vilas e cidades. Era importante tamén a orientación. A tradición recomendaba sempre que fora posible, que un dos pinchóns sinalara ao vendaval, para así minimizar a acción do vento máis chuvioso e máis prexudicial para a conservación dos froitos. Nas beiras dos nosos lugares atopamos, ás veces, conxuntos de catro, cinco, seis ou sete cabaceiras. Son froito, como xa dixemos, da necesidade de situalos en encraves ben ventados, e da proximidade e pequenez dos diferentes eirados. Deste tipo de agrupamentos temos en Mazaricos algúns exemplos moi interesantes en Cornes, Cabanude, Arcos, A Manda, Outeiro de Bois e Quintáns. Coroa de horreos que rodean o lugar de Quintans-CorzCoroa de horreos que rodean o lugar de Quintans-Corzon-Mazaricos copiaon-Mazaricos copia Coroa de hórreos que rodean o lugar de Quintáns, en Corzón Horreos de Suevos-Coiro-Mazaricos copia Hórreos de Suevos, Coiro En moitos lugares de Galicia construían, tódolos veciños da aldea ou boa parte deles, os seus hórreos en espazos comunais, formando grandes conxuntos de relevante interese. No noso Concello este tipo de agrupamento, unicamente o atopamos no lugar de Suevos. Na parte máis alta da aldea, aproveitando unha inmensa laxe sen ningún valor agrícola, os veciños que non dispoñían dun encrave máis axeitado nos seus eirados, foron construíndo alí as cabaceiras. Acadando un conxunto de dez exemplares que ata hai pouco formaban unha estampa de sobrado interese etnográfico, violentada, non hai moito, polo derrubamento de dous exemplares para así deixar sitio a un depósito de auga. Os tempos cambian e as necesidades tamén. Nos eirados, presididos polas cabaceiras, atopamos, normalmente, outras construcións adxectivas: as eiras de mallar e algún que outro alpendre relacionado cos traballos da malla, xeralmente para gardar o trigo, o centeo ou as fabas. Nalgunhas ocasións en vez de erguer o hórreo sobre pés, situábano sobre un pequeno soleiro que se denominaba paneira, e que estaba, tamén, directamente relacionada coa malla, xa que despois do millo, o centeo era o principal cereal e do que se facía o pan labrego, de aí a súa denominación entre nós. Eira galega-Foto do secXX de Prieto Guerra copia Eira galega nunha foto de comezos de século XX de Prieto Guerra copia As eiras non eran unicamente un lugar de traballo, tamén eran un espazo para a troula e o divertimento. A rapazada facía delas un dos seus principais lugares de xogo, onde o hórreo debido aos seus diferentes espazos: as escaleiras, os pés, as capas, debaixo da grade, podía crear ao seu redor distintos ambientes que funcionaban coma un inmenso xoguete do que gozaron os nenos e nenas de moitas xeracións. Pero non só os rapaces, tamén a xuventude podía escoller os eirados para mocear, armar unha ruada e se a cousa ía a maiores, organizar unha regueifa. Os hórreos, como vemos, ademais de cumprir as funcións para as que foron creados, lograron articular ao seu redor uns espazos cargados de significado e aínda que, a día de hoxe, a transformación da agricultura os deixou baleiros, culturalmente sempre serán insubstituíbles.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
   

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mazaricos/a-situacion-dos-horreos-nos-rueiros-aldeans-de-mazaricos/20161015055944082139.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA