Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

De estrea, como os nenos

dumbria x5 2
Capis do Dumbría e o Pino co trío arbtrial formado por Luís M. Insua, Lucas Vicente Vidal e Esteban Domínguez Lado
De estrea, como os nenos

O colectivo arbitral galego está de noraboa, coa ledicia dos/as nenos/as que estrean zapatos novos. Despois de varias temporadas con Puma, agora varias coa marca Pony (e, nos últimos anos, coa publicidade de Recalvi incorporada), dende xa os árbitros costeiros, como os do conxunto do país, teñen no seu poder as novas equipacións para esta temporada. As novas equipacións son da marca Adidas e non lucirán publicidade pero si unha mensaxe moi importante: un NON ben grande e significativo, non á violencia, non a ningunha forma de violencia. Quere a Federación Galega de Fútbol que o fútbol siga, cada vez máis, a converterse nun espazo de convivencia e disfrute, e no que a violencia non teña cabida en ningunha das súas manifestacións.

E tamén, despois de varias xuntanzas e non poucas modificacións, estarán de estrea as máis pequenas fornadas de rapaces e rapazas, comeza na Costa da Morte, como tamén acontecerá no resto do país, a competición nas distintas categorías base de fútbol 8 (alevín, benxamín e prebenxamín). Será nun formato renovado, cun mes intenso en grupos de poucos equipos e competición a só unha volta, para permitir así que a mediados de novembro cada zona teña campións que despois pasarán a unha fase supralocal.

Os nenos e nenas tomarán esta fin de semana os terreos de xogo, maioritariamente na matinal do domingo, en relevo ao fútbol veterano, que despois de catro xornadas fai un alto no camiño con motivo da xornada festiva do sábado (aínda así, adiántanse a este domingo dous partidos correspondentes á xornada do 29 de decembro).

Presenza arbitral costeira nas tres categorías principais do fútbol galego

A Subdelegación da Costa volverá estar esta fin de semana en todas as principais categorías do fútbol galego. No máis alto, Rubén Reborido actuará como asistente 1 ás ordes do coruñés José Manuel Cives no que será o partido estrela da xornada da Terceira División, o Ourense-Compostela (domingo, 17.00 horas, O Couto) que mide a dous dos principais aspirantes ao trono da categoría.

Na Preferente Galicia haberá trío arbitral costeiro para un estelar derbi do norte de Lugo. Marcos Ordóñez, auxiliado por Luis Insua e Óscar Rey, dirixirá (domingo, 17.30 horas, Martínez Otero) o Foz-Viveiro. Os visitantes chegan líderes despois de sete xornadas, aínda que veñen perdendo forzas: gañaron os cinco primeiros encontros, pero nas dúas últimas xornadas só sumaron un punto. Os locais perderon gas un chisquiño antes, comezaron gañando os seus dous primeiros partidos, pero nos últimos cinco acumulan unha única vitoria por tres empates e unha derrota.

Na Primeira Galicia haberá trío costeiro para o partido do Municipal de Vimianzo (domingo, 17.00 horas). David Castreje será o colexiado principal, e xunto a el, nas bandas, David Cancela e Daniel Martínez. O encontro é do máximo nivel, dous equipos que aspiran a todo, e que comezaron a temporada, pese a algún pinchazo, coas máximas prestacións: actualmente, o Soneira é terceiro con dez puntos, en tanto o Negreira é segundo con doce (os mesmos que o líder, Lalín).

Duelos fermosos na competición doméstica

As competicións do fútbol costeiro depárannos tamén xa encontros fermosos e nos que os puntos comezan a valer ouro. 

Partido especial, por exemplo, o que se vivirá na matinal do domingo no Platas Reinoso (12.00 horas, Alberto Baña). Un derbi no exilio que mide a dous dos principais aspirantes ao título e do que podería saír, co permiso do San Lorenzo, o líder da xornada, pois actualmente o Ponteceso é colíder, cos mesmos puntos que os de Berdillo, en tanto o Corme é terceiro a só un punto de ambos. O San Lorenzo, pola súa parte, terá que defender o liderado nun escenario ben complexo, o Sampaio de Refoxos (domingo, 17.30 horas, Manuel Espasandín), onde o agarda un Cee que está a só tres puntos, polo que tamén podería meterse de cheo na pelexa pola cabeza da táboa.

Na categoría xuvenil, o líder en solitario, o Seaia (tres vitorias en tres partidos) defende o liderado no Carral fronte ao Sofán (sábado, 18.15 horas, Óscar Santos). O Soneira, segundo a dous puntos, visita ao Malpica en Pedra Queimada (sábado, 16.30 horas, Carlos Señarís).

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, as táboas de resultados e clasificacións, e o carrusel dominical en directo, en www.futboldacosta.com.

Comentarios