Imprimir

Eu non son Anxo Quintana

José Luis Louzán |

que pasa na costa | 23 de xaneiro de 2009

As verdades como puños de José Luis Louzán

Fálase moito estes días dunha frase de Kennedy, das que utilizou no seu discurso inaugural, aquela de “non pense no que o seu pais pode facer por vostede, senón no que vostede pode facer polo seu país”. A razón de lembrar esta frase iluminada pero equivocada na miña humildísima opinión é a da recente chegada o poder de Obama. E o fío de todo isto, onte, outro político iniciaba o seu asalto a particular “casa Branca” do monte Pedroso, co primeiro anuncio de clara vocación electoral do BNG.

O lema é que “eu tamén son Anxo Quintana”. O spot, grosso modo, representa unha asemblea de galegos da época romana reunidos cun orador no centro que fala de que o imperio anda preocupado polas ansias de independencia destas xentes, e pide cabezas e submisión, pide que se delate o protagonista destas demandas, o que o candidato nacionalista, sentado entre os reunidos, erguese para afirmar que el é o culpable, que el é Anxo Quinta, para xusto nese intre ser secundado polo resto dos presentes.

Deixando a un lado a caracterización e estrutura dramática do anuncio, a min me inqueda e moito a ausencia de dirección e claridade na mensaxe de persoas e partidos coma o BNG na súa época mais recente, nos últimos oito anos a lo menos, deixando primeiro as ansias independentistas e o discurso Beirista de esquerda definida, e avogando por unha alianza, por exemplo, cos socialistas de corte constitucionalista, para agora, a un mes dos comicios, volver a batalla independentista cunha mensaxe diferenciada, a de que “antes mortos que de xeonllos” ou “Galicia nación”.

Non pretendo entrar en debates sobre o fondo da cuestión, a da independencia dun territorio claramente diferenciado, con lingua e historia propias e claras raíces que o diferenza do resto do país, pero si admito debates sobre a oportunidade da dirección do BNG por parte de alguén como o actual vicepresidente da Xunta. ¿seguro que Anxo quinta “bebe” das raíces marxistas e de esquerda pura da que xurdiu o partido cando foi fundado?,¿canto de xiro a dereita (pasando brevemente polo centro) hai nas posicións e decisións tomadas por este líder na súa etapa como gobernante?, e por ultimo ¿sinceramente alguén espera que, si o BNG logra o goberno, Galicia vai camiñar cara a independencia?. Posicións ben mais radicais que ningunha adoitada por Quintana na súa vicepresidencia son as que levaron adiante partidos coma o PNV vasco ou CiU en Cataluña, sen lograr nada nin remotamente parecido...

Quedan moitos días para os comicios e seguro que imos falar mais de todo isto. Abstéñanse os defensores doutros partidos e candidatos, e os defensores deste, de atacarme de ningún xeito, adianto xa que eu voto en branco dende hai tempo. So deixo no aire unha seguridade, varias. Eu, que son galego de nacemento e crenza, que me considero critico co que non me gusta no meu pais, e que si, así é, considero que Galicia é e debería ser de facto unha nación, eu, que canso de dicir que nos esquecen e nos condenan dende Madrid.... eu, non son Anxo Quintana.

  • José Luis Louzán.
Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/jose-luis-louzan/eu-non-son-anxo-quintana/20090123202327100018.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA