Imprimir

Libros e monólogos para unha semana de lecturas en Cee

que pasa na costa | 25 de abril de 2012

Novas actividades no Concello de Cee ben interesantes. E comezamos polo programa continuo do Concello que esta fin de semana trae a Sergio Pazos á Costa da Morte. O mítico actor galego adianta o seu monólogo "Sé galego, my friend" a este sábado 28 de abril ás 20:30h. As entradas serán 2.5 e 1.5 euros.

Pero son máis cousas relacionadas coa cultura as que artella o Concello de Cee. A través do Servizo de Normalización Lingüística, serán grandes nomes da literatura costeira os que promovan a lingua galega co gallo do mes do libro. Concha Blanco, Miro Villar e María Canosa estarán hoxe mércores 25 de abril a partir das 16:00h no Salón de actos do Concello de Cee. O público estará formado polos alumnos dos ciclos 4º e 6º de Primaria dos colexios Eugenio López e Manuela Rial Mouzo.

Concha Blanco, escritora de recoñecido prestixio no eido da literatura infantil e xuvenil, será a encargada de comezar, explicándolles aos nenos a orixe da celebración do Día do Libro e a continuación aludirá á súa infancia e como se iniciou na lectura.
Miro Villar, escritor e poeta coñecido, entre outras cousas, por pertencer ao Batallón Literario da Costa da Morte, abordará a temática e o personaxe do seu último libro infantil: A cobiza do verme Noel, unha metáfora arredor do egoísmo e a necesidade de superalo.
María Canosa, escritora tamén coñecida fundamentalmente polas súas obras infantís e xuvenís, contaralles un conto do seu último libro: O Crebanoces, unha versión adaptada aos máis pequenos do orixinal de Amadeus Hoffmann e na que os xoguetes cobran vida.

Polo tanto, este ano, a actividade do mes do libro está centrada na promoción da lectura en lingua galega entre os máis pequenos así como do labor destes tres escritores da Costa da Morte no ámbito da literatura infantil e xuvenil.

Novas relacionadas

Fonte

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cee/libros-e-monologos-para-unha-semana-de-lecturas-en-cee/20120425071831070304.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia