Imprimir

Unha muller de Vimianzo, ferida de gravidade nun novo caso de violencia de xénero

que pasa na costa | 15 de maio de 2019

Javier M. é o suposto autor dun delito de violencia de xénero en Vimianzo
Javier M. é o suposto autor dun delito de violencia de xénero en Vimianzo
  • Última hora (20:30) : Mentres centos de persoas se concentran en Vimianzo, e tamén en Cee, apareceu Javier Miñones, suposto autor do delito de violencia de xénero acontecido esta mañá e que mantén entre a vida e a morte a Monste López. topáronno, vivo, na Praia dos Muíños, en Muxí@.

Esta mañá de mércores 15 de maio amencía consternada ante un novo caso de violencia de xénero. Corrían as 9:00h da mañá cando un home, ao parecer e segundo sinalan varias testemuñas e confirma a Garda Civil, Javier M., achegábase á oficina de Unións Agrarias. Facía que unha das traballadoras, a súa parella, saíra á rúa, onde lle propinou tres puñaladas, unha delas no pescozo, ante a mirada de numerosas testemuñas, mesmo crianzas.

A muller, Montse López, nai de familia, ficou ferida de gravidade, e tivo que vir o Helicóptero medicalizado para trasladala ao Hospital.

A Garda Civil xa está, mesmo utilizando helicópteros, detrás do suposto autor do delito, de 41 anos, fontaneiro de profesión e que fora candidato á alcaldía por Compromiso por Galicia hai 4 anos, pero que non conseguira presencia no pleno.

Pleno e concentracións

O Concello de Vimianzo condena a agresión machista que sufriu a veciña, e desexa solidarizarse coa muller agredida, cos seus fillos e con toda a súa familia. Así mesmo a Corporación de Vimianzo desenvolveu hoxe ás 13,30 h unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello para condenar a agresión e mostrar a súa solidariedade coa vítima e a súa familia.

"Esiximos que, por parte das institucións, se poñan todos os medios necesarios para rematar, dunha vez por todas, coa lacra do machismo.
Facemos un chamamento ao pobo de Vimianzo a sumarse a concentración que se desenvolverá, en repulsa polo atentado machista e en solidariedade coa vítima e a súa familia, hoxe día 15 ás 20:00 h na Praza do Concello, baixo o berro de: Machismo Nunca Máis,
Desexamos transmitirlle tanto á vítima como a súa familia todo o cariño da Corporación municipal de Vimianzo e do pobo de Vimianzo para con eles
", leu o alcalde Manuel Antelo na declaración oficial do pleno.

Tamén a comunidade escolar do colexio San Vicenzo de Vimianzo, onde estudan os fillos da vítima, despois dunha convulsa mañá, realizará unha concentración na praza ás 15:30h, coa lectura dun manifesto de apoio á familia. 

En Cee, a Organización feminista Buserana convoca tamén, baixo o lema "O machismo mata", unha Concentración na Praza 8 de marzo de Cee ás 20.30 h en repulsa pola violencia machista exercida hoxe contra unha muller en Vimianzo. 

Ademais, o Concello de Laxe convoca unha concentración para mañán ás 12:00 diante do Concello.

Comunicados de repulsa

Paralelamente o grupo de Adiante Vimianzo amosan a súa "repulsa ante calquera acto de violencia machista e ante os feitos acontecidos esta maña no noso municipio suspemos todos os actos da campaña electoral previstos para hoxe. Todo o noso apoio e solidaridade coa vítima e a súa familia".

Tamén Mónica Rodríguez, candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Vimianzo, quere trasladar, de xeito persoal e en nome do Partido Socialista de Vimianzo, "a máis enérxica condena contra o acto de violencia machista do que foi hoxe vítima a compañeira e veciña Montse López. Agardamos que poida recuperarse en breve das feridas que lle inflixiron e que o autor desta vil e covarde agresión sexa pronto capturado polos corpos e forzas de seguridade e posto a disposición da xustiza".

Chegan tamén mostras de repulsa por exemplo dende o BNG de Camariñas, que ”amosa a sua máis enérxica condena ao atentado machista perpetrado no Concello de Vimianzo e apoia a familia da victima nestes duros momentos”. Dende o BNG esixen que “se consideren terrorismo machista aos actos cometidos por violencia de xénero, tamen pedimos que se elaboren políticas activas nos concellos que detecten este tipo de atentados nos seus inicios e se actue en consecuencia para atallalos”.

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/vimianzo/muller-vimianzo-ferida-gravidade-nun-novo-caso-violencia-xenero/20190515112024109687.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA