Xoves. 16.05.2024
El tiempo

Vimianzo reúne á mesa a máis de 1.100 persoas na vixésima edición do seu Xantar de Maiores

XANTAR MAIORES Vimianzo 2
Vimianzo reúne á mesa a máis de 1.100 persoas na vixésima edición do seu Xantar de Maiores

Máis de 1.100 persoas maiores reuníronse este sábado á mesa na vixésima edición do Xantar de Maiores de Vimianzo, unha iniciativa organizada polo Concello.

A xornada deu comezo ás 12:00 horas, momento no que se abriron as portas do pavillón municipal para recibir ás primeiras persoas desta gran xornada. Ás 13:00 horas dou comezo a misa cantada, que foi seguida, ás 13:45 horas, por unha actuación da coral municipal como antesala perfecta ao inicio do xantar.

A xornada contou cunha emotiva homenaxe ao señor e á señora máis maiores do municipio, que recibiron un pequeno obsequio por parte da corporación municipal. Ademais, todos os asistentes recibiron unha imaxe súa enmarcada, realizada nese intre, para gardar para sempre un emotivo recordo desta celebración.

O Trío Karma foi o encargado de poñer a banda sonora dunha tarde na que non faltou a celebración e o baile.

XANTAR MAIORES  Vimianzo 3

No encontro, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a todas as persoas “por acompañarnos e por ser unha parte activa e fundamental para que Vimianzo continúe funcionando” e ao departamento de servizos sociais e ás persoas voluntarias polo seu traballo, que é “fundamental e imprescindible para seguir construíndo unha sociedade mellor, na que se garanta o benestar dos nosos maiores”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, mostrou o seu agradecemento “a todos e todas os que marcastes o camiño que hoxe percorremos todos. Foron 365 días de espera para poder estar hoxe aquí, celebrando convosco, nunha xornada que é, sen dúbida, das máis especiais do ano”. 

Non faltou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. "O noso país ten unha débeda con todas e todos vos, porque a vosa aportación foi fundamental para consolidar a democracia, e para que hoxe teñamos as cotas de benestar que temos”. Lembrou que o goberno central "fixo unha lei para blindar e garantir o crecemento das pensións conforme ao IPC para que no futuro,  ninguén vos poda negar o que hoxe é xa un dereito”.

Comentarios