Martes. 19.02.2019
El tiempo

25N, isto tamén vai contigo

25N, isto tamén vai contigo
Cadro de Viki Rivadulla-Vítima nº xxxx-2017 Cadro de Viki Rivadulla: "Vítima nº xxxx" (2017)

Un ano mais conmemoramos o 25N porque aínda è necesario berrar contra a violencia machista. È necesario, pero non è suficiente .Ás mulleres estamos sendo asasinadas non un día, senón ao longo de todo o ano. E non só as mulleres, tamén as crianzas, nunha macabra revolta da crueldade máis absoluta. Por iso fallan os deberes os outros 364 días do ano.

O 25N saímos à rúa e a clase política viste negro e lanza campañas que lavan conciencias. Mañàn volverá a realidade, o maltrato, o medo, a desigualdade, a dor, a rabia e o poder exercido sobre máis da metade da humanidade. Unha metade necesaria e valiosa, imprescindible para facer funcionar o sistema , o mesmo sistema que a silencia. A violencia contra as mulleres reviste múltiples formas que van dende os micro machismos e o maltrato psicolóxico, pasando polas prohibicións para facer unha vida pública normal, prohibición do acceso á educación, a trata, os matrimonios concertados con nenas…ata as mutilacións e o feminicidio. Todas elas conflúen nunha violencia patriarcal e estrutural exercida sobre nós.

Os datos son tan alarmantes que as boas intencións non abondan. Precisamos medidas políticas e con elas medidas lexislativas e educativas. A educación è a palabra clave, porque as mulleres plantámonos e dixemos claramente “abonda xa!” ( o 8 de marzo pasado deixámolo moi claro, pero non solo ese día) , pero aínda que nós non esteamos dispostas a dar nin un paso atrás, a sociedade , a realidade, a política e educación non nos acompañan. Precisamos de leis e dunha xustiza sensible e inflexible , contundente co maltratador e que deixe xa de ser cómplice con el. Precisamos unha reforma educativa completa, na que as Humanidades teñan un papel importante como elemento indispensable para formar individuos críticos e autónomos e que dea cabida nun lugar prioritario á formación en materia de xénero. Precisamos un profesorado formado en igualdade e o mesmo a policía, e xuíces e xuízas con formación específica e profesionais médicos formados igualmente para atender a unha muller que lles chegue ferida de corpo e de alma.Precisamos leis que non permitan que os nosos fillos e fillas convivan cun maltratador.Isto atenta contra tódolos dereitos das crianzas, e contra a súa seguridade (cando non lles custa a vida!) .Un maltratador nunca è un bo pai. Xamais!

Precisamos orzamentos e planos de traballo que non queden solo en papel. Nos Concellos, nas Autonomías e no Estado.

Precisamos unha prensa que fale menos das bondades que como veciño exemplar tiña o asasino e que fale claramente de feminicidios e non de “ morte dunha muller” (empecemos por poñerlle o nome correctamente). Estamos cansas de ler sobre os detalles escabrosos dos casos, e que non haxa a mínima sensibilidade cara ás vítimas, das que nos din como vestían pero descoñecemos as súas vidas, seus soños, todo o que estas mozas, adultas ou crianzas deixan atrás. Hai que poñerlles nomes e apelidos e sacalas do silencio das estatísticas. Como hai que poñer nome ao que está a pasar.Non se trata de homes enfermos. Non. Trátase de FEMINICIDIOS. Trátase de machismo, do exercicio de poder sobre as mulleres. E isto tense que acabar.

E non pense ninguén que isto non vai con nós. Que son unha muller libre e isto non vai comigo? . Non querida, isto non è así.Isto vai con todas. E con todos. Porque entre todas e todos facemos o mundo no que vivimos e  ninguén pode ser libre mentres haxa mulleres sentindo medo. E dende logo sempre podemos facer algo.

Para empezar: xa abonda de chistes machistas, xa abonda de cancións machistas e de publicidade que cousifica ás mulleres. Xa abonda de xogos de ordenador nos que se denigra á muller e de programas de televisión na mesma liña. Xa abonda de ter que mirar para outro lado no traballo para non ter que estar parando os pés cada dous por tres ás actitudes machistas de xefes ou compañeiros. Xa abonda de volver pola noite a casa con medo, xa abonda de ser xulgadas por como vestimos ou mesmo por como xestionamos o medo cando somos violadas por unha manada, xa abonda de que se nos pague menos que aos nosos compañeiros ou de que se nos bote do traballo por ser nais.

E xa abonda desa falsa progresía vestida de modernidade que defende a legalización da prostitución e seguen a perpetuar a inexistencia da sexualidade feminina, que non vale mais que coma elemento de satisfacción do macho, unha satisfacción que está por riba da dignidade, os dereitos e a liberdade das mulleres. Esa falsa progresía que defende os malchamados “ventres de aluguer” . Dicía o pasado luns Marcela Lagarde en Compostela que non se alugan ventres, porque os ventres non existen separadamente da muller a quen pertencen. Son parte dunha muller con vida, dignidade, sentimentos, emocións...Estamos a falar de trata de mulleres, de novas formas de escravitude e de violencia sobre as mulleres. Estamos a falar de pobreza. E dos “dereitos” de persoas ricas que non poden soportar sentirse frustradas e para elo poden pisar sobre mulleres pobres que non teñen dereito a nada. Elas non teñen dereitos, solo teñen necesidades. E urxencia.

Nós, as mulleres, xa falamos. Dixemos que ata aquì chegou o abuso, o expolio sobre os nosos corpos e sobre as nosas vidas . E non imos movernos daí.  Non sei cantas máis imos perder nesta guerra. Agardo que nin unha máis. Non podemos permitir nin unha vida menos.

Agora toca mover ficha a quen pode facer algo. Nós non imos deixar de lembrarllo. A clase política ten agora que escoitar à metade da humanidade e estar à altura: arremánguense e póñanse a traballar, ou a camiseta negra que van poñer o 25N non vai ser máis ca un disfraz patético e falaz.

 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-campana-en-negro-contra-as-violencias-tingue-a-costa-da-morte/
Comentarios