Imprimir

Os derbis de Pondal

que pasa na costa | 07 de novembro de 2019

Carlos Señarís dirixiu o Muxía-Malpica do pasado venres
Carlos Señarís dirixiu o Muxía-Malpica do pasado venres

Fin de semana de rivalidade máxima para os equipos da vila de Pondal (Corme e Ponteceso), até seis enfrontamentos directos con veciños dun lado e do outro, catro con conxuntos malpicáns e dous con conxuntos de Cabana de Bergantiños.

Os derbis máis agardados, os do fútbol senior, serán duelos de contrastes, duelos de sensacións enfrontadas nos que se decidirá a clasificación da Liga da Costa tanto por arriba como por abaixo. 

O campo de fútbol de Xaviña acollerá, nun horario pouco habitual (domingo, 12.00 horas, Iván Vilanova) o partido entre os equipos senior de Buño e Corme, segundos clasificados... por abaixo e por arriba. O club locatario, a pesar do relevo no banco, acumula xa nove xornadas sen gañar, e a cousa comeza a ser preocupante. Os do Cairo, pola contra, non coñecen a derrota esta temporada, e acumulan ademais tres xornadas consecutivas gañando, o que os afianzou na segunda praza, a un só punto dos seus veciños.

O líder, Ponteceso (sete vitorias, un empate e unha soa derrota) recibe (desta volta xogando nas Redondas, domingo, 16.30 horas, Óscar Santos) a un Cerqueda que, despois dunha magnífica campaña 2018/2019 e dun máis que ilusionante comezo da presente edición ligueira, encadea unha nefasta racha (tres derrotas consecutivas) que o asoman ao pozo con tan só oito puntos.

Moi interesante tamén se presenta o derbi da 1ª División do fútbol veterano entre dous aspirantes ao ascenso (dous equipos que xa o ano pasado disputaron o play off para optar á máxima categoría). O enfrontamento, desta volta, será en Pedra Queimada (domingo, 10.00 horas, David Cancela), e ambos equipos chegan na zona alta da táboa: os locais, sextos (zona de play off, con nove puntos, tres vitorias e tres derrotas), e os visitantes segundos (zona de ascenso directo, con quince puntos, cinco vitorias e unha única derrota).

En categoría infantil o duelo será Corme-Cerqueda (O Cairo, sábado, 11.30 horas, Iván Ferreiro), onde os locais buscarán o primeiro triunfo da temporada e os visitantes non descolgarse da zona alta da táboa.

Ademais de todos os derbis entre os equipos das vilas de Pondal e Lugrís, esta fin de semana deparará aos equipos de base de Ponteceso outros dous duelos de rivalidade, neste caso co concello veciño de Cabana: serán na categoría cadete (Corme-Cabana, O Cairo, domingo, 11.30 horas, Sebastián Pérez) e na alevín (Cabana-Ponteceso, As Redondas, domingo, 10.00 horas, Alberto Baña).

Un derbi agardado no fútbol feminino

Tamén haberá un derbi moi moi agardado: o derbi do fútbol feminino. Será a primeira vez que dous equipos costeiros de fútbol feminino se encontren nunha competición regular de liga, todo un fito que moito tardaba e que agardamos que se poida repetir moitas máis veces, pois é de desexar que a explosión da competición das mulleres non se pare no escenario actual, e que en breve sexan máis e máis os equipos presentes.

Este primeiro duelo terá o lugar de prioridade que se merecía, e o partido disputarase na tarde do domingo, no Sampaio de Refoxos (17.00 horas, David Cancela). O equipo debutante, UC Cee, chega nun magnífico momento de forma, encadeando tres vitorias consecutivas que lle permiten seguir en todo o alto da táboa, a só tres puntos do liderado. O equipo das Miúdas leva unha temporada dando unha de cal e outra de area, alternando vitorias e derrotas, pero aínda así, con dez puntos en seis partidos, atópanse en cuarta posición da táboa, iso si, xa a cinco puntos das súas predecesoras, precisamente as da Vila da Xunqueira. O partido toma especial trascendencia: a vitoria visitante apretaría a pelexa por esa segunda/terceira praza, deixándoa en menos dun partido; a vitoria local abriría un oco entre ambas (atalora, terceiras e cuartas) de até oito puntos na clasificación.

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

E coma, sempre, os horarios e o carrusel dominical, en www.futboldacosta.com.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/futbol-da-costa/os-derbis-de-pondal/20191107074531114744.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA