Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Quen encarnou ao "vakner" de Fisterra? Outra interpretación do que puido ser este “animal grande e moi daniño”

Quen encarnou ao "vakner" de Fisterra? Outra interpretación do que puido ser este “animal grande e moi daniño”
O longo deste artigo preténdese ofrecer unha nova interpretación sobre o misterio da figura do vakner, ser descrito polo peregrino armenio Mártir de Acerbaixán na súa viaxe ata Fisterra a finais do século XV. Este bispo deixou breve constancia escrita do peculiar suceso, nun relato de viaxes que se popularizaría a raíz da tradución ao francés e ao español no século XIX. Despois virán diferentes investigacións/estudos que pescudan na identificación da besta, máis ningunha chega a proporcionar unha explicación plausible resolvendo o enigma. Partindo das distintas interpretacións baralladas e considerando aspectos zoolóxicos relacionados con determinados sucesos acontecidos durante varios séculos en toda Europa, analízase o feito co propósito de aportar novos elementos de valoración que axuden a explicar que foi o que se atopou este peregrino. O noso vakner puido ser…..:  

I Parte. Unha recreación ficticia dun horripilante encontro coa besta

“… tras pasala noite no hospital de peregrinos, avanzaba enredado na idea de poder chegar xa no mesmo día Fisterra. Marchara agradecido, e ben comido, algo pouco habitual nas longas e cansadas xornadas que soportaba Máis de súpeto, un brusco berro despexoume das miñas cavilacións. Mirei pra o fondo do camiño e alí estaba, a media distancia, unha silueta de grande tamaño e lúgubre presenza. Comportábase estrañamente. Tiña diante un errático animal que bufaba con agresividade ferinte. Tanto facía demostración desafiante coma, repentinamente, abstraerse e ignorarme. Logo coa súa enorme queixada trababa absurdamente no aire. Primeiro a bocaladas no baleiro, despois zigzagueando, levado por un parsimonioso movemento, coma querendo chanchar unha bolboreta co seu devagar. Un instante quieto e novamente un impulso frenético co que facía acelerados movementos de corpo e cabeza. Botou a vista riba miña, e encorreaba a súa faciana ensinando un afiado dentame, cheo de baba tan fedorenta coma pegañenta colgaba sobre a súa comisura. Tal choricaba temeroso, coma xemía abruptamente alaridos ameazantes. Definitivamente aquel animal estaba guiado polo demo, posuído por un transo alucinatorio, que o traía cara min cunha furia desmedida. Buff!!, estaba invadido polo medo. Fiquei paralizado polo terror. A besta arrancou cun correr cego e atropelado. Outra vez paraba. Distraíase cabeceando aos lados. Aos poucos ía pra diante, freábase, e viraba sobre si mesmo, e deslombábase estomballado no chan. Levantábase e corría ao pincho carneiro. Pero sempre con mirada iracunda. Sorprendía que coa pouca coordinación fose capaz de avanzar. As poutas traseiras facían pé ao destempo das dianteiras, mallando con toda pedra canta levantaba na carreira. Xa case botada a besta enriba, puiden saltar un valo e sacarme fóra, na braña. Nun tris pasei de ter as súas enormes pupilas chantadas no pelexo, de sentir a calor na caluga dunha pezoñenta bafarada, a librarme polo gordo dun pelo. Algo sorprendente acontecera con el que o deixou fulminado guindado no chan. Aquela descomunal forza encolerizada descarrilou velozmente e foi dar violentamente coa cachotería do balado. Non foi quen de saltalo. Atacado por unha convulsión espasmódica aquela besta, enorme, de fereza sobrenatural, remexeuse na lama con doentes xemidos. Presto a fuxir, as miñas pernas correron máis rápidas que medo levaba no corpo”.  

II Parte. A crónica da viaxe do bispo armenio Mártir de Acerbaixán na súa última etapa do Camiño

A ficción anterior é unha interpretación libre do que lle puido acontecer ó peregrino armenio Mártir de Acerbaixán, cando chegando a Fisterra, ocupado nunha viaxe que o levou por parte de Europa, entre o 1489 e o 1496, pode contar, aos labregos que o acubillan, o transo que viña de vivir, entre Olveiroa e Fisterra, por mor de toparse cunha besta á que se refire coma “animal grande e moi daniño”. Un feito que, polo que se deduce da crónica que nos chega, non parece sorprender aos aldeáns, que non se estrañan da presenza do ser maligno, pero si, por ter saído indemne dese infortunio. Tal sorte tería corrido por lograr fuxir xa que, como nos conta, o combatelo non era cousa pra menos de vinte homes: “...Padecín moitos traballos e fatigas nesta viaxe na que topei con grande cantidade de bestas salvaxes moi perigosas. Atopamos o vakner, animal salvaxe grande e moi daniño: Como, dicíanme, puideches salvar, cando compañías de vinte persoas non poden pasar” (1).   A narración de dito suceso nomea a sobrenatural besta coma o vakner. Do que non se tería escoitado falar nunca máis del. O misterio adquirirá connotación mitolóxica e engrosará o rexistro de lendas que se reproducen con certa semellanza noutros territorios distantes. Apuntar que a escasa competencia na lingua local, da que recoñece non comprender, suporá un obstáculo importante para a descrición que despois fai ao tratar de explicar o acontecido. O feito de mencionar este episodio dentro do relato da súa longa da mostra da importancia que para el tivo tan apurado momento. Seica sucedeu preto de Fisterra e os poucos elementos da misteriosa historia conforman os vimbios pra fabular lendas sobre aquela fera. Algúns autores sitúan o sucedido nos montes de Buxantes, despois de pasado a aldea do Hospital, onde se acollían aos peregrinos (en Dumbría): “Este é un lugar onde podían pasar a noite os peregrinos, pois aínda tiñan por diante un bo anaco de monte que camiñas, e subindo, e non fose a collelos a noite en medio destes paraxes de monte despoboado, polo tanto perigosos. Por estes montes podemos situar o vakner, misterioso monstro do que nos fala tamén o misterioso peregrino Martiros de Arzendjan”(2). Outros sitúano nos montes de San Guillerme en Fisterra(3). Debe considerarse tamén que para a época, e nos séculos precedentes, a igrexa tiña por común alimentar o temor entre os piadosos mediante a suxestión e inventiva de seres malignos sobrenaturais, representando na iconografía dos pórticos dos seus templos unha sorte de bestiario do averno, asegurándose de recordar sempre o cerca que podía estar o mal para os que caían en pecado(4). Para a consolidación do suceso coma feito mitolóxico obrou a transmisión popular, coa que tanto se alimentaron fabulas ao redor de feras, demos e, todo tipo, de seres, para poder así explicar calquera acontecemento fóra do normal.  

III Parte. Como nos chega o relato e canto puido haber de certo?

A historia de Mártir foi traducido ao francés, no século XIX, por Antoine-Jean Saint –Martin, e posteriormente na súa versión ao castelán por Emilia Gayangos de Riaño. O termino “vakner” sería considerado por Antoine unha referencia da que ignora como traducila indicando que, tal vez, podería tratarse dalgún oso ou touro salvaxe. Pero Gayangos, que abordou a tradución introducindo interpretacións coa consulta noutras fontes(5), estima inadmisible esa opinión e apunta que o autor podería estar referíndose ao lobo cerval. Sobre isto afondarán outras traballos, entre eles o de Alonso Romero(6), e artigos como o De La Riera(7), ambos na procura de desvelar o misterio e ofrecer unha explicación aparente e plausible do sucedido. Eles van debullando, razoadamente, diferentes posibilidades baseadas na intervención dun animal salvaxe. Tamén, coma alternativa, xogan coa imaxinación do sobrenatural, ante a falta de elementos determinantes clarificadores do que alí pasou. Así chegamos a unha lista na que se fala do lobo cerval, dun oso, dun touro salvaxe, e do lobo. Pero tamén de lobisomes(8), dragóns(9) e outros seres do imaxinario.  

IV Parte. Puido tratarse o vakner dun lobo cerval?

Por este nome coñecese, na nosa terra, ao lince boreal. Ollo, non se trata do lince ibérico, xa que o felino que ocupou os montes galegos correspondería precisamente co euroasíatico, de maior tamaño, e coñecido na Galiza coma lobo cerval, ou lobicán. Entre o século s.XVI e s.XVII son varias as mencións a súa presenza, pero nas serras orientais e do centro do país. Non se teñen referencias para a provincia de A Coruña da que é moi probable que, de existir, fose moi raro. Aínda que, con data anterior ao 1645, don Bernardo de Luazes indica que na rexión de Galiza “hai moitos lobos cervais de tan fermosas pintas que en todas partes se estiman en moito”(10). Descrito nas “Partidas” de Afonso X o Sabio, coma animal relativamente abundante nas serras e “…salvaxe dunha fereza semellante a doutras bestas: coma leóns, osos e leopardos”. O Pai Sarmiento, s.XVIII, descríbeo coma animal fero, e a el se refire en varias cartas dirixidas a “colegas” franceses nas que ofrece a súa interpretación sobre a “besta de Gévaudan” (da que falarei máis adiante). Nestes escritos suxeriría a posibilidade dun lobo cerval rabeado: “por isto infiro que tamén os lobos ou gatos cervais rabian nalgunhas ocasións. Se un deses sae do seu retiro aos camiños e poboados, teña Deus a súa ira. Entón, un só gato cerval pola súa lixereza, voracidade, malignidade de degolar moitas reses, e pola súa rabia, é capaz de facer máis estragos que 20 lobos xuntos”(11).   A ausencia de referencias históricas de presenza da especie, aínda en comarcas próximas, así coma presentar unha característica silueta e tamaño, felina e pequena, se o confrontamos con outros animais salvaxes, conclúese que non se axusta comodamente a un relato no que, o bispo, destaca o “grande tamaño” e necesidade de 20 homes para combatelo. A posibilidade dun lince certamente resulta dunha opción demasiado improbable.  

V Parte. E dun oso pardo na fin do mundo?

O terse topado cun oso resultaría tamén moi difícil para a época, pois este animal estaría ausente de boa parte de Galiza, tal e como ben citada a súa distribución a mediados do século XIV, no Libro da Montería, encargado polo rei de Castela Afonso XI. Nel cítase a presenza só en serras galaicas(12). Casos de osos erráticos, lonxe dos seus territorios de cría, forman parte dun habitual comportamento da especie, pero a comarca de Fisterra atoparíase bastante afastada dos territorios históricos máis próximos. Resultaría bastante improbable a súa chegada. Coma anécdota destes movementos fóra das habituais zonas de presenza, citar que foi visto, no ano 1897; un oso errante na Escravitude (Padrón), ou os que cincuenta anos antes, podían verse próximos a Compostela, moi probablemente procedentes da Serra do Faro e do Testeiro (no norte da provincia de Pontevedra)(13). Máis o oso é unha especie ben coñecida e detectable alí onde aparece, e ademais existen vestixios de construcións adxectivas asociadas a súa presenza, coma son as alvarizas ou cortíns coas que protexer os apiarios fronte o plantígrado. Os lugares históricos de presenza de oso en Galiza contan con este tipo de patrimonio. Na Costa da Morte non se constata a presenza de ningunha destas construcións, no sentido de ser concibidas para o oso. Si hai apiarios antigos en pedra, caso de restos de balados circulares rudimentarios no monte do Pindo(14), de pequeno tamaño e non se corresponden con estruturas “fortificadas”(15) para protexer, precisamente, das pillaxes do oso.  

VI Parte. E un uro? o derradeiro touro salvaxe de Europa

Na tradución inicial Antoine-Jean Saint –Martin, o autor especularía coa posibilidade do encontro cun touro salvaxe, o que Gayangos desestima(16). Da prehistoria de Galiza(17) recollemos restos da presenza do uro, o antigo boi salvaxe de Europa, do que o último espécime cazado cítase nun bosque polaco no 1627(18). Un animal de proporcións considerables (ver imaxe), do que ata podería que Mártir tivera topado, no seu periplo, de cruzar algún bosque centroeuropeo. Máis este feito na fin da terra semella totalmente improbable. De tratarse dun boi ou unha vaca domesticada, feito doadamente posible, non se explicaría a reacción de fascinación dos paisanos polo feito de ter escapado vivo do envite. Alturas relativas do Bos Primigenius e os touros de lidia actuais 19. Vakner de Fisterra

VII Parte. O vakner, na pel do lobo?

Os estudosos do caso teñense referido ao lobo coma o principal sinalado para explicar a figura do vakner. Incluso atopan similitude coa etimoloxía(20) de vocablos estranxerios usados para referirse a el, os cales, tamén, fan referencia a xemidos, berros, ou choriqueos. Máis as conclusións ás que chegan deitan tal posibilidade. Un dos argumentos do descarte referiríase a que non hai lobo que infundira tal pánico coma para non ser vencido por un grupo de 20 persoas. Da grande abundancia de lobos na Galiza do s. XVI, así coma da problemática que ocasiona aos campesiños, da fe a autorización de monterías por parte dos Reis Carlos I e Dona Xuana no 1542(21). As que se organizarían por todo o país en persecución de lobos. Cando os aldeáns se referin a grupos de 20 persoas, é probable que o fagan pensando nesas habituais monterías de caza. Sobre o lobo na Costa da Morte dicir que se trata dun territorio con presenza histórica de lobos e que perdura no presente coma un territorio referente. Disto da boa conta os traballos do incansable naturalista, e experto en lobos, Francisco Javier Lema Fuentes, Chisco. Así coma os numerosos topónimos existentes. Un deles xusto entrado nos altos dos montes de Buxantes, onde algúns estudosos sitúan a historia do vakner, chamado Portela da Loba.  

VIII Parte. O lobisome

Descartado o lobo, e os outros animais, as referencias tirán cara o imaxinario, tratando de polo menos construír unha fábula que medianamente explique e enriqueza a breve información que posuímos deste ser. Como xa vimos, alúdese á presenza dun “lobisome” que tería atemorizado as xentes do lugar: “…Posiblemente esteamos ante un caso de lobisome, “home lobo”. Xa o dicía o singular inquisidor Antonio de Torquemada no século XVI: No reino de Galiza atopouse un home o cal estaba nos montes agochado, e de alí saía aos camiños cuberto dunha pel de lobo, e se topaba con algúns mozos pequenos desmandados, matábaos e fartábase de comer neles”(22).  

IX Parte. Un misterio resolto?

Pero na análise pola que se desbota a autoría dun lobo, coma animal que encarna ao vakner, escápase un elemento de valoración, tal vez, fulcral que pode despexar definitivamente o misterio, e outorgue unha razoable explicación o que alí pasou. Un argumento na liña do sucedido, con episodios contrastados historicamente, noutros moitos puntos de Europa, na que lobos terían sido protagonistas de terribles encontros e loitas con humanos. Máis non un lobo nas súas condicións biolóxicas normais, senón exemplares contaxiados por un virus capaz de desposuír a racionalidade do animal e transformalo agonísticamente nun terrorífico e maligno ser no estertor da súa morte. A ficción do inicio deste artigo recolle o comportamento descrito para cans e lobos infectados por este virus. Falo da hidrofobia ou rabia silvática. Dita enfermidade deformaría tan siniestramente os rasgos do animal que na fase máis crúa do contaxio confírelle un comportamento que fai que deambule, entre un e sete días, con extremada violencia e agresividade, antes de pasar a un estadío de derradeira parálise. Exemplo atopámolo na constatación de Jean-Marc Moriceu referíndose a varios casos de persoas mortas por esta forma de contaxio na área de Ille de France para o s.XVII(23).  

X Parte. O caso da Besta de Gévaudan e outros máis.

Sábese que lobos contaxiados pola rabia teñen sementado o pánico durante séculos en toda Europa, sendo numerosos os relatos de mortes e confrontamentos que terían requerido unha participación de forza colectiva pra reducir a estes animais “convertidos en espectros”. As referenzas bibliográficas(24) sobre esta enfermidade amosan que nese época tivo lugar un importante brote epidémico de rabia: ”Quizas sexa a rabia, a zoonose que, pese a ter unha incidencia relativamente baixa comparada con outros procesos infecciosos, causou máis temor ao xénero humano a través dos tempos. Este feito, só pode atribuirse, por unha parte, á grande espectacularidade da súa sintiomatoloxía tanto nos animais, xa que, o ladrido e aspecto dun can rabioso infunde verdadeiro terror a todo calquera que se atopa na súa proximidade, coma o home; e por outra parte, o inexorable e fatal desenlace dos enfermos, unha vez aparecida a sintomatoloxía”.... “Parece ser que é na Idade Media cando aparecen brotes epizóoticos importantes, feito que non fora descrito con anterioridade, así en 1206 aparece a primeira mención sobre a rabia en Gran Bretaña,..... na que se alude a un brote, ao parecer moi notable, e se dí que nese ano houbo tolemia entre os cans. En España, se ben se atopan citas sobre a rabia en cans e home no Libro de Montería de Alfonso XI, escrito entre 1340 e 1350, os primeiros brotes importantes, segundo García Izcara, apareceron no ano 1500 e 1604 no que se viu asolada pola rabia canina.......Xa a partir do século XVI, increméntase a frecuencia na aparicion de bortes epidémicos importantes en diversos puntos de Europa.” De feito describense episodios de rabia silvestre no século XI, por lobos que atemorizaban á poboación: “un brote destacable describese en Granconia en 1271, onde uns lobos rabiosos invadiron pobos e vilas atacando os rebaños, morrendo máis de 30 persoas mordidas”(25). Certas similitudes co vakner, en canto ao pánico que xeraría, atopámolo na historia, tal vez, máis coñecida que implica a un lobo “diabólico”, a “Besta de Gévaudan”. Este é o nome dun críptido antropófago que asolou a rexión de Gévaudan, no sur de Francia, entre 1674 e 1767. Ten coma protagonista a un lobo, ou sucesivos lobos, xa que se supón o contaxio dentro do grupo(26), que sementaron o terror orixinaron una serie de ataques, entre o 30 de xuño de 1764 e o 19 de xuño de 1767, causando entre 88 e 124 mortos. A Besta de Gévaudan superou rápidamente a tódalas noticias da época, ao punto de lograr mobilizar as tropas reais e dar lugar a toda clase de rumores. Unha das interpretacións empregadas para explicar este caso vincula o feito ao contaxio por rabia de lobos. Incluso o Pai Sarmiento nunha das cartas dirixidas ao naturalista Georges-Louis Leclerc de Buffon suxire a existencia de animais contaxiados pola rabia e da fereza coa que embaten(27). Ilustracion do combate de J Portefaix e os seus acompanantes contra a Besta de Gevaudan 28. Vakner de FIsterra Ilustración do combate de J Portefaix e os seus acompanantes contra a Besta de Gevaudan (28)   Grabado en madeira da Idade Media na que se amosa a loita de cinco homes cun can con rabia 29 Grabado en madeira da Idade Media na que se amosa a loita de cinco homes cun can con rabia (29)

 

XI Parte. Crónica de sucesos de hidrofobia en lobos e outros animais

A partir do século XIX os casos de hidrofobia, coñecidos por toda Europa, xa se identifican cunha causa certa de procedencia, atribuída a trabaduras de animais infectados e de tremenda fereza (lobos, cans, gatos....). Dende esta época, as referencias a ataques e contaxios por hidrofobia frecuentarán as páxinas de sucesos da prensa. Nas que se recollen narracións con testemuños de violentos ataques en lugares distantes entre sí, o que denota que a enfermidade ameazaba latente por calquera lugar rural do continente. Un dos casos con máis repercusión é “tráxica situación vivida en Chantada en Agosto de 1880, onde unha loba hidrófona mordeu ata 20 persoas. Foi enviada a Garda Civil de Lugo a dar unha batida para acabar cos lobos rabiosos que aterrorizaban a comarca e, afírmase que si se fixese isto dende un principio, non habería que lamentar tantas mortes e desgrazas”(30). As mordeduras de lobos hidrófobos resultarían frecuentes no medio rural galego, caso de Chantada, xunto a outros coma en Monforte de Lemos ou Tui(31). No 1886 o xornal El Lucense(32) facíase eco dun suceso internacional: “chegaron a París, acompañados dun médico maior do exército ruso e de tres practicantes de Sanidade militar, 10 rusos, mordidos por un lobo rabioso, a fin de que poidesen ser curados por Mr. Pasteur”. Ou a sucedida no 1903, cun ataque dun lobo hidrófobo, no que “os catro infelices que se atopan sometidos ó tratamento antirrábico no Instituto Cobián Arenal, atopándose nun estado tan lastimoso que é difícil, por non dicir imposible, que obteñan curación, por non ter trasncorrido 41 días dende que foran mordidos”(33). Os afectados chegaran a Pontevedra pra ser tratados polo médico Ángel Cobián Areal, pioneiro na aplicación de soros antirrábicos do Instituo Pasteur de París en Galiza. Resultaron ser “vítimas do famoso lobo hidrófobo que días pasados recorreu algunhas aldeas de Ponferrada”, tratándose “dun caso pouco corrente no país e do cal resultaron dous mortos e varios feridos”. A crónica(34) relata que estas persoas foron “vítimas das ferocidades do animal”, e aporta unha valiosa información na que se describe como foron algúns dos encontros. “O lobo coméralle parte da cabeza e os brazos”. “Sorprendeunos pola esplada dúas veces, clavándolle os dentes na cabeza. Onte vimos as feridas e horripilan. Na rexión paretal da nena, aparece grabado dun modo sangrento a dentadura do lobo. Na espalda presenta tamén varias lesións. O lobo, despois de botar ó chan a Dorotea, mordeuna polo coiro cabeludo e levándoa pendente da boca ata unha grande distancia... Era un lobo grande coma un demonio e traia o pelo erizado pola rabia…” No 1909 o Diario de Galicia(35) recolle na crónica de sucesos o acontecido con outro lobo hidrófobo que fere a un home en Serra Morena: “un lobo hidrofobo abalanzouse sobre un home, entablándose unha reñida loita entre este e a fera. O home quedou en gravísimo estado, por terlle arrancado o lobo dunha dentellada un anaco de carne da cara”. En Vimianzo relátase(36) no ano 1929 o traslado ao hospital e a curación dun neno de 13 anos mordido por un can atacado por hidrofobia. Feito que amosa a presenza e resilencia do virus da rabia tamén na Comarca. Dende cando? É algo que se descoñece pero existía, tanto na forma doméstica, en reservorios de animais non salvaxes, coma na súa manifestación selvática. Os inusuais ataques de lobos, con cartro mortos, entre o 1957 e 1961(37), poderían estar en relación cun rebrote de rabia. Xa que lobos na zona houbo antes e despois, e coa rabia xa dada por desaparecida, coma epizootia en España, no 1978(38), non voltaron ter lugar episodios con mortes e tanta virulencia.  

XII Parte. Pero que é a rabia selvática?

A hidrofobia é unha enfermidade vírica transmisible que afecta a animais e raramente chega ao ser humano. A transmisión ten lugar pola trabadura do animal enfermo ou por contacto con mucosas e saliva infectada. Provoca un grande síndrome neurolóxico que conduce á morte. Nos séculos pasados tratouse dun problema de saúde pública moi importante, hoxe en día case erradicada e susceptible de prevención. Trátase dun Lyssavirus que nas persoas produce unha encefalomielite aguda que comeza con febre, cefalea, angustia, malestar xeral. A medida que invade fibras nerviosas na musculatura vai progresando ata o sistema nervioso central, e finalmente prodúcese unha disfunción cerebral que deriva en excitabilidade, alucinacións, espasmos musculares, hidrofobia, delirio, convulsións e finamente sobrevén a morte en poucos días. O virus viaxará despois dende o cerebro ata as glándulas salivares. O reservorio destes virus pode ser calquera animal de sangue quente. A rabia urbana afecta a gatos, cans, e outros animais domésticos, e é a responsable do 99% dos casos de rabia humana. A rabia selvática atópase en Europa en lobos, raposos, morcegos, sendo hoxe en día moi rara, pero aparecendo aínda casos moi illados e sen continuidade no tempo. Os síntomas da rabia en cánidos soe aparecer entre tres e oito semanas despois do contaxio. Nos humanos, aparecen entre tres e seis semanas despois da infección.  

XIII Parte. O comportamento dos lobos con rabia

A maioría dos ataques a persoas provocados por lobos refírense a casos de animais infectados pola rabia. A pesar de que os lobos non serven de reservorio da rabia en modo latente, si poden contraela doutros animais. A especie pode desenvolver unha fase excepcionalmente furiosa. Considerándose, entre tódolos animais capaces de transmitir a enfermidade por trabadura, dado o seu tamaño, forza e velocidade, o animal rabioso máis máis perigoso de todos(39). O seu patrón de ataque resulta moi consistente, e no breve período de días no que se mantén vivo alterna un comportamento, inicialmente de inseguridade e fuxidío, para pasar despois a unha inusitada agresividade, e finalmente a unha fase de letargo. A pesar disto, os diferentes estudos aportados de casos de ataques de lobo rabiosos destacan a súa excepcionalidade, tratándose de episodios inusuais(40), só coincidentes con momentos na historia nos que a rabia se expandiu coma unha epidemia. Hoxe practicamente erradicada no continente europeo. E dende fai moitas décadas que non se coñecen casos de lobos ibéricos portadores de rabia.  

XIV Parte. Foi o vakner un lobo con hidrofobia?

Vemos como a fase furiosa da rabia resulta o estadio máis perigoso, onde o animal amosarase desorientado, frenético, veloz, feroz, e dominado por unha forte cólera. O comportamento que se describe na ficción que da inicio a este artigo tenta reproducir algúns dos síntomas que se teñen observados en cánidos. Isto puido ser o que experimentou o noso peregrino, e as xentes que o acolleron, cando fala do vakner. Un encontro fortuíto que casualmente ficou rexistrado nun libro de viaxes, para un momento da historia no que os efectos da rabia manifestábase por toda Europa, incluíndo casos coñecidos de lobos extremadamente feroces.  

XV Parte. O lobo amigo

Aclarar que as poboacións salvaxes de lobo ibérico non entrañan un risco para as persoas e a súa perigosidade, ao longo da historia, queda reducida a episodios moi excepcionais que atenden a circunstancias moi concretas. Unha delas, tal vez, a máis importante no continente europeo, foi a epizootia de rabia nos séculos pasados, causante de numerosas mortes contabilizadas, e que tamén debeu ser motivo da desaparición de moitos lobos contaxiados entre sí, dada o seu carácter gregario e social agrupado en mandas, e que unha vez considerada xa, practicamente, erradicada fai que o lobo, non sexa potencialmente máis perigoso que o que supón, por exemplo, a día de hoxe, o risco de moitas razas de cans domésticos. No ano 1973, celebrouse en Estocolomo, a I Reunión Internacional para a Conservación do Lobo en Europa,sendo a súa principal conclusión que: “o lobo, coma todo animal salvaxe, ten o dereito de existir no seu estado natural. Este dereito non depende da súa utilidade para o Home, e deriva do que teñen tódolos seres vivos a coexistir con el coma parte integrante dos sistemas ecolóxicos”.
  • Martiño Nercellas Méndez, biólogo.
  ——

Referencias (x)

  • 1. Gayangos de Riaño 1898.En: El Camino al fin de la tierra.Manuel Vilar Álvarez. Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos.
  • 2. El Camino al fin de la tierra.Manuel Vilar Álvarez. Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos.
  • 3- El Camino Secreto de Santiago: la ruta pagana de los muertos. Rafael Lema.
  • 4. Los monstruos antropófagos en el imaginario románico galaico. Significado, contexto y audiencias. Teresa C. Moure Pena. Codex Aquilarensis 26/2010.
  • 5. Las traduciones del relato sobre el viaje por europa del obispo armenio Mártir (1489-1496):texto, paratextos y público lector. Ignacio Iñarrea Las Heras.Universidad de La Rioja.
  • 6. HISTORIA, LEYENDAS Y CREENCIAS DE FISTERRA. FERNANDO ALONSO ROMERO.
  • 7. Lendas e tradicións (III). O monstro que axexa no páramo: O Vakner (Primeiro ouvido). José Antonio de la Riera./firmas/lendas-e-tradicions-iii-o-monstro-que-axexa-no-paramo-o-vakner-primeiro-ouvido/
  • 8. El Camino Secreto de Santiago: la ruta pagana de los muertos. Rafael Lema.
  • 9. O vákner e o dragón" .Maria Aurora Lestón Mayo. Ed. Toxosoutos.
  • 10. Argutorio Nº 30, 2013. El lobo cerval, notas etnográficas.José Piñeiro Maceiras.
  • 11. Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995..
  • 12. Distribución histórica del oso pardo en la Península Ibérica. Carlos Nores, Javier Naves. Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente.
  • 13. Argutorio Nº 30, 2013. Las últimas noticias de los osos galaico-portugueses..José Piñeiro Maceiras.
  • 14. As abellas volven á vella alvariza de San Cibrán 60 anos despois. /166/
  • 15. Los colmenares tradicionales del Noroeste de España. Ernesto Díaz Otero,Francisco Javier Naves Cienfuegos.ACAFA Nº 3 , 2010.
  • 16. Las traduciones del relato sobre el viaje por europa del obispo armenio Mártir (1489-1496):texto, paratextos y público lector. Ignacio Iñarrea Las Heras.Universidad de La Rioja.
  • 17. Descubren en O Courel los restos humanos más antiguos de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2010/03/12/0003_8349371.htm
  • 18. History of the Aurochs (Bos Taurus Primigenius) in Poland ftp://ftp.fao.org/docrep/fao/012/.../v6950t00.pdf
  • 19. Fonte: http://www.elartetaurino.com/bos%20taurus%20ibericus.html
  • 20. HISTORIA, LEYENDAS Y CREENCIAS DE FISTERRA. FERNANDO ALONSO ROMERO,
  • 21. Obradorio de Historia Moderna. Nº 12, 105-139. Los enemigos del campesino. La lucha contra el lobo y otras “alimañas” nocivas para la agricultura en la Galicia de la Edad Moderna. Hortensio Sobrado Correa USC.
  • 22. El Camino Secreto de Santiago: la ruta pagana de los muertos. Rafael Lema.
  • 23. Obradorio de Historia Moderna. Nº 12, 105-139. Los enemigos del campesino. La lucha contra el lobo y otras “alimañas” nocivas para la agricultura en la Galicia de la Edad Moderna. Hortensio Sobrado Correa.
  • 24. La Rabia: una zoonosis de interes en Andalucía. Ilmo.Sr. Académico D.Miguel P. Muñoz Navaro.
  • 25. La Rabia: una zoonosis de interes en Andalucía. Ilmo.Sr. Académico D.Miguel P. Muñoz Navaro.
  • 26. Estudos sobre lobos en Alaska consideran que a transmisión do virus entre os membros da manda foi o motivo da morte íntegra do grupo)
  • 27. Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995.
  • 28. Fonte: Bibliothèque nationale, Histoire de France, 1764.
  • 29. Fonte www.en.wikipedia.org.
  • 30. Situación de la rabia en Galicia entre 1880 -1900. María Carmen Leira Abella; María Teresa Saura Leira. Cadernos de Atención Primaria CENTRO DE SALUD DE NARÓN (A CORUÑA)
  • 31. Situación de la rabia en Galicia entre 1880 -1900. María Carmen Leira Abella; María Teresa Saura Leira. Cadernos de Atención Primaria CENTRO DE SALUD DE NARÓN (A CORUÑA)
  • 32. El lucense : diario católico de la tarde: Num. 440 (22/03/1886)
  • 33. Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 107 (16/05/1903)
  • 34. El Diario de Pontevedra : Periódico liberal: Num. 9091 (12/05/1903)
  • 35. Diario de Galicia:: Num. 72 (23/02/1909)
  • 36. El compostelano : diario independiente: Num. 2830 (22/08/1929)
  • 37. Diario ABC do 25 de novembro de 1961, páxina 63.
  • 38. Preguntas y respuestas sobre la enfermedad de la rabia www.msssi.gob.es/profesionales/saludPublica/.../pR_rabTol_6_13.pdf
  • 39. Linnell, J.D.C, Andersen, R., Andersone, Z., Balciauskas, L., Blanco, J.C., Boitani, L., Brained, S., Breitenmoser, U., Kojola, L., Liberg. O., Loe, J., Okarma,H., Pedersen, H.C., Promberger, C., Sans,H., Solberg.E.J., Valdrmann, h. & Wabakken,P.2002. The fear of wolves: A review of wolf attacks on humans. NINA Oppdragsmeldins:731:1_65
  • 40. Linnell, J.D.C, Andersen, R., Andersone, Z., Balciauskas, L., Blanco, J.C., Boitani, L., Brained, S., Breitenmoser, U., Kojola, L., Liberg. O., Loe, J., Okarma,H., Pedersen, H.C., Promberger, C., Sans,H., Solberg.E.J., Valdrmann, h. & Wabakken,P.2002. The fear of wolves: A review of wolf attacks on humans. NINA Oppdragsmeldins:731:1_65.
 

Fonte

Comentarios