xoves. 08.05.2025
El tiempo

Cruz Vermella expón a mostra "En familia, por dereito" na casa da Cultura de Vimianzo

Cruz Vermella expón a mostra "En familia, por dereito" na casa da Cultura de Vimianzo
acollemento familiar cruz vermellaexposición “En familia, por dereito” de Cruz Vermella chega á casa da Cultura de Vimianzo despois de pasar por diferentes localidades da provincia, entre elas Cee. A mostra - que se pode visitar ata o vindeiro 9 de novembro - recolle a testemuña de familias que están a acoller a menores temporalmente e de persoas que no seu día foron nenos e nenas en acollida. O seu obxectivo é difundir o acollemento familiar e amosar como beneficia as familias e aos menores que participan no programa. O acollemento familiar é unha medida de protección da infancia pola que familias que teñen dispoñibilidade coidan durante un tempo determinado de menores cuxos familiares non poden facelo por diversos motivos. Desta forma, evítase que eses menores sexan ingresados en centros dependentes da administración e dáselles a protección necesaria nunha contorna familiar. Grazas a esta iniciativa os nenos e nenas que se ven separados da súa familia poden ter igualmente unha vida familiar natural na que medrar, aprender e recibir o agarimo que axude a desenvolverse plenamente. Quen pode acoller? Todos os tipos de familia, incluídas as monoparentais, as homoparentais ou as que só poden acoller en determinados períodos, poden ser acolledoras. De feito, a Cruz Vermella destaca que a diversidade de familias é moi positiva, xa que as necesidades dos menores son tamén moi variadas. A situación persoal e a dispoñibilidade da familia axústanse ás necesidades do menor; así, poden facerse acollementos de día, en períodos estivais, temporais, permanentes... O equipo de profesionais de Cruz Vermella realiza a valoración da idoneidade desas familias cos menores e as forma, apoia, acompaña e asesora en todo o proceso. Actualmente, hai 108 menores da provincia en acollida en 84 familias, pero 33 menores seguen á espera. Na zona hai seis menores que participan no programa: dous están con familias da bisbarra, dous en familias do resto da provincia debido á dificultade de conseguir familias idóneas na súa propio contorna, e outros dous están á espera dunha familia acolledora. Todas as persoas interesadas en participar neste programa ou ter máis información poden contactar co equipo de familias acolledoras de Cruz Vermella no teléfono gratuíto 900 812 880. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Cruz Vermella

Comentarios