Evento
Teatro en Muros

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle o sábado, 27, ás 18:00 horas, este novo espectáculo de Mamá cabrá ‘Paxaro amigo. Músicas para a Paz’. Incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas son a 2,50 € e xa están a venda nas oficinas do centro cultural de Muros.
- Voz e guitarra: Gloria Mosquera
- Baixo: Tomi López
- Teclado e acordeón: Diego Maceiras
- Violín: Harry Prince
- Actor: Luís Iglesias “Luchi”
- Dirección: Pepablo Patiño
Discordia é unha bruxa que é feliz destruíndo a Paz. De feito, a paz faille proer todo o corpo, dende o cocote ata a punta do pé. Discordia goza facendo que todos os animais, e os humanos, se leven mal. Come olivas como unha tola... Menos mal que ten unha curmá fada … pois xa se sabe que na familia hai de todo. Un día vai acontecer algo que cambiará o seu mundo, e o mundo enteiro, para sempre.
"Que todos nun pispás,
compartan cos demais,
dando amor ao redor,
que en paz se vive ... mellooooooorrrrrr."
O novo espectáculo de Mamá Cabra está inspirado no recente libro publicado polo grupo “A Bruxa Discordia”, unha proposta cargada de mensaxes que inciden en construír un mundo mellor e máis xusto.
Mamá Cabra é o grupo musical pioneiro na creación de espectáculos para a infancia. O ano pasado celebrou o seu 15 aniversario, unha longa viaxe que deixa 12 discos e centos de cancións para saltar, bailar e reflexionar. Neste seu novo espectáculo fai un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións. Un espectáculo diferente cun formato de “Concerto-Teatro” no que se amosa unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda. Gloria acompañada de moitos artistas apaixonados medran ao carón dos máis miúdos, con cancións que ao longo destes anos quedaron nas nosas memorias.