Fisterra queda, temporalmente, sen Festa Folk na Fin do Camiño

Despois de 22 edicións, a Anchoa queda sen Festa Folk na Fin do Camiño. O segundo festival máis lonxevo da comarca, que forma unha combinación perfecta coa potente Festa da Carballeira, non se organizará este mes de agosto. A familia da Asociación Cultural Anchoa, trala renovación de 2023, non dá feito, e non puido sacar adiante esta festa auténtica, feita sen ánimo de lucro.

E precisamente esa organización tan horizontal, tan civil, tan voluntarista, tan altruísta, fixo imposible a celebración desta edición. “A realidade é que organizar un festival coma este é un traballo enorme, un traballo de todo ano, que non se ve e non está recoñecido”, explica Zaira Trillo. “E este ano, diversos problemas persoais, pois de saúde, familiares, de conciliación… fixeron imposible que puidésemos asumir a parte da burocracia”, explica con total franqueza.
”Dános moita pena, obviamente, pero vaia, que isto só é un parón, pero nada máis”, asegura, xa coa cabeza no 2026. “Se o ano se pode, si que o retomaríamos. Somos a segunda xeración de familias que asumen a organización do festival, e na nosa mentalidade é seguir poder organizándoo. É algo que naceu de nós, e esperamos poder seguir facendo”, explica.
O Festival fisterrán, que xa ten sufrido algún parón como o da pandemia ou o de 2014 polo que teñen pasado figuras como Diosketecrew, Sés, Luar na Lubre, Mercedes Peón, A Banda de Balbina, Leilía, O Sonoro Maxín, Os Cempés, ou os habituais da Requinta da Laxeira, terá que esperar ao ano que vén.

Máis novas
Crónicas da Festa Folk na Anchoa
- Presentación 2023: A Festa do Fin do Camiño renóvase con novos aires.
- Festa Folk 2022: A Festa Folk na Fin do Camiño volveu ser unha Festaza.
- Festa Folk 2018: Apoteosis musiqueira na Festa Folk na Fin do Camiño.
- Festa Folk 2017: “Na Festa Folk aínda mantemos o espírito amateur e altruísta co fin de pasalo ben”.
- Festa Folk 2016: Socorro Insua: “A Festa Folk na Fin do Camiño é un festival para todos os públicos”.
- Festa Folk 2014: A Anchoa anuncia o irremediable fin da Festa Folk na Fin do Camiño
- Festa Folk 2013: A música fundiuse ca natureza en Valarés e Fisterra
- Festa Folk 2012: E a chuVia empapou a música
- Festa Folk 2011: A Anchoa sacou os cen pés a bailar
- Festa Folk 2010: A mellor música folk do país invadíu a fin do mundo