8 rapazas rescatan o Festi Lires: “É a nosa festa, e como non se facía, faltábanos algo”

Este sábado 2 de agosto será un día especial en Lires. A vila ceense rescata a mítica Festa FestiFolk de Lires, que non se fai dende fai 5 anos para afrontar a súa 12ª edición. E as persoas que saíron ao rescate deste singular festival teñen unha boa conversa.
Elas son Iris, Nuria, Antía, Xulia, Ana, Aldara, Uxía e Carla. Todas veciñas da parroquia, con entre 14 e 17 anos. Tremendamente loable é o seu esforzo, gañas e ilusión, por recuperar esta festa de tanto arraigo á nosa cultura e a nosa terra, pola que teñen pasado Sés, A Banda de Balbina, Luar na Lubre, De Vacas ou mesmo Tanxugueiras (en 2017) pouco antes de lanzarse ao estrellato estatal.
Falamos con estas estudantes do IES Agra de Raíces, a través cunha chamada de whastapp, porque Lires segue sen cobertura telefónica, coma no medievo…
- Parabéns, mozas, por esa arrincada!! Como se vos ocorre retomar o festival? Por que vós, que lembrades das últimas edicións?
Lembramos que o pasábamos moi ben, e que nos dera moita pena cando se deixou de facelo. Lembro, por exemplo, unha ano que montamos unha tenda, e vendíamos biscoitos, madalenas, rosquillas…
A verdade é que temos a idea de que é a nosa festa, e como non se facía, nos faltaba algo. E por iso decidimos armala.
- Como foi ese proceso de recuperación?
O ano pasado puxémonos en serio, e todas tiñamos a esperanza de que se puidera realizar. Temos o apoio da familia de Pedras Miúdas que segue detrás axudando sobre todo coa burocracia, e nós iremos collendo o relevo tamén na directiva da asociación. Non hai que botar aos que están pero si que iremos asumindo o mando.
- Porque que significa para vós a música tradicional? E que significa Pedras Miúdas no relevo da tradición na parroquia?
Nós tocamos todas: pandeireta, tambor, gaita, bombo… un pouco de todo cada unha, e cantamos. E gracias a Pedras Miúdas vivímolo dende que nacemos, literalmente, porque en Lires, dende o 2008, que foi cando se fixo a Asociación, todo ese mundo vívese moitísimo, témolo na casa.
- Como foi a organización, doada ou complexa??
Foi complicada, pero gústanos tivemos ir polas casas.
- Tocou ir tamén polas casas como as Comisións de Festas?
Siii, é bastante duro pero para algunhas foi máis divertido, ir pedindo polos lugares, porque vas coñecendo toda a xente, vaste rindo, unhas con máis vergonza que outras.
Fomos vendendo as camisetas, rifas… e as xentes compra ou dá cartos como nas Comisións.
- Como foi a reacción da xente a ver unha comisión tan noviña?
Explicábamos que estabamos retomando a festa, e así de primeiras, resultaba impactante, pero en xeral ben, a reacción foi boa.
- Que esperades da festa entón deste sábado?
Os grupos van facer que a xente vaino pasar ben, porque hai grupos que fan moita festa. Tanto nos Ten (de Redondela) que repiten, fan moita festa como os Festicultores. Vai ser unha festa divertida, cun ambiente de foliada moi guai.
- Entón, terá continuidade isto, non? Xa estades pensando no ano que vén?
Si claro, temos a intención de que siga continuando. Porque o parón que houbo dende a pandemia, e como a directiva estaba cada un coas súas cousas, agora a nosa intención é seguir así, mentres se poida.
Crónicas do FestiFolk
- Xuntanza Folk 2013: Lires vibrou a ritmo de Folk.
- Xuntanza Folk 2011: A choiva non impide que Lires recupere a esencia da tradición.