![]()
O outono entra con forza no
concello de Muxía culturalmente falando. Así, durante os meses de outubro e novembro haberá citas para todos os públicos e para todos os gustos. A primeira cita é o vindeiro 8 de outubro da man de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín que traen o seu espectáculo “Os contos de Joselín”. Ésta é unha cita dirixida a todos os públicos e terá lugar ás 19:30 horas no salón de actos.
O espectáculo
José Rodríguez de Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). “Os Contos de Joselín” é un espectáculo de aCentral Folque cos contadores Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín. Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, os dous artistas, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incríbeis figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX. Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico en Galiza e España, e incluso en Argentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición bibliográfica + CD de aCentral Folque da súa obra gravada completa escrita por Laura Tato. Valentín Paz-Andrade definiu a «Joselín» como un xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Un artista capaz, a través dos seus discos de contos galegos, de facer estalar o riso. O seu maior momento de popularidade foi de 1929 a 1932, en Galiza, e xa nos anos 30, en Arxentina. Dous oradores de renome recrearán en palco “Os contos de Joselín” e asociaranos aos seus propios. Quico Cadaval é o director artístico deste espectáculo, no que tamén participa o lalinés Celso Fernández Sanmartín. Neste espectáculo d’Os Contos de Joselín recupérase esa tradición e ofréceselle ao público actual acompañada dunha proxección de imaxes históricas de Joselín, e da oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.
Quico Cadaval
Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa.
Celso F. Sanmartín
Contador de contos e historias de tradición oral. Destaca por ser dos poucos que posta polo conto como profesión dunha maneira máis decidida.
Máis citas
A seguinte actividade será o 14 de outubro co encontro “Xeoparque Costa da Morte. Xeoloxía e arte: Punta da Barca” e unha actividade de pintura ao aire libre.
Xa o 28 de outubro, o salón de actos acolle a partir das 20 horas a obra de teatro “As Fillas Bravas”, da compañía de teatro Chévere. Esta é unha obra dirixida a maiores de 12 anos. O Samaín será o protagonista da cita do 31 de outubro na bilbioteca municipal, onde se realizarán distintas actividades entre as 18 e as 19:30 horas e para participar é necesario anotarse previamente no departamento de cultura do concello.
O teatro volve o 4 de novembro coa obras “Os vellos non deben namorarse” da man de Fantoches Baj. A cita comeza ás 19:30 horas no salón de actos e está dirixida a todos os públicos. O 11 de novembro celebrarase un magosto no paseo marítimo organizado pola asociación Abaladeiras xunto co concello muxián. A programación remata o 25 de novembro con “Maxia pola Igualdade”, con Fani Triana. A función comeza ás 18:30 horas no salón de actos.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)