Venres. 26.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Crónicas do Paraíso de Sarabela Teatro, en Muros

29/feb./2020
21:30 h
Auditorio do Centro Cultural de Muros
Cronicas do Paraiso de Sarabela Teatro
Crónicas do Paraíso de Sarabela Teatro, en Muros
Este sábado 29 de febreiro, ás 21:30 h o Auditorio do Centro Cultural de Muros acolle a obra de Sarabela Teatro, “Crónicas do Paraíso”

Esta compañía ourensá, que nos tén afeitos a recibir premios e a sorprendernos con cada posta en escena, Sarabela Teatro, estrea a finais de 2019 a obra “Crónicas do Paraíso”, que traerá este sábado a Muros.

O público rirase e gozará do espectacular decorado desta obra dirixida por Gonçalo Guerreiro. A posta en escena ten vocación contemporánea e mestura a interpretación coa danza e as linguaxes non verbais co texto, escrito por Fernando Dacosta. Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago protagonizan unha montaxe na que participou un equipo de máis de vinte persoas.

Trátase dunha mestura de humor e crítica social baseada nas Crónicas de Sochantre de Álvaro Cunqueiro, a partir da que darán forma a una nova estrutura narrativa habitada polo universo do crime. Os protagonistas son un grupo de
misteriosos viaxeiros que comparten unha carruaxe viaxando por Bretaña.
Madame de Nancy, Clarina e Xan Dorne viaxan ao funeral de Madame de Quelven acompañados polo clérigo Sochantre. Durante a noite que pasan xuntos confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia.
O funeral de Madame de Quelven contextualiza un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, sexo, diñeiro e sangue. Ao ritmo do blues o crime compensa, porque o diñeiro compra todo, mesmo a morte. Na cerimonia fúnebre interprétase a música prometida en testamento polo Sochantre de Crozon a Madame de Quelven a cambio da propiedade dun pomar. O Sochantre, home relixioso e defensor dos valores da alma, está determinado a cobrar o que se lle debe e pouco a pouco vaise revelando máis achegado aos secretos da carne que ás virtudes do esprito. A actitude obstinada do clérigo acaba por envolver ás cinco personaxes nun enmarañado conflito de valores, culpas e desexos que os leva a revelar os seus máis profundos segredos e pecados.
Descubrimos que todos son culpables criminosos protexidos, integrados e admirados por unha realidade social que exalta a beatitude do poder económico.



O espectáculo está inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas xa están a venda nas oficinas do centro cultural, ao prezo de 3,50 euros.

Comentarios