![Charamusca 4]()
Continúa o programa de exposicións mensuais de artistas e artesáns da Costa da Morte na tenda turística de Cee Stoupa. Desta banda terá cabida unha disciplina que non adoita verse nas galerías ou salas de exhibición, como é o cartón pedra. Carmen Armendáriz e Quico Guillán, do taller carnotán ‘Charamusca’, son os artífices desta colección, na que empregaron cartón 100% reciclado: pegan capas deste cartón sobre diferentes moldes de escaiola que previamente deseñaron; deixan secar, alisan a superficie e aplican pintura acrílica por medio dun aerógrafo.
O mundo mariño e rural, os contos e historias infantís ou a astronomía son algunhas das temáticas e motivos empregados por estes artesáns, que elaboran pezas desenfadadas, coloridas e cheas de expresividade; perfectas para a decoración de dormitorios infantís ou espazos de xogo.
A exposición poderá visitarse a partir do 2 de novembro e durante todo o mes en Stoupa (r/ Campo do Sacramento, 23, Cee) de martes a sábado de 11h. a 14h. e de 17h a 21h. Tamén os domingos de 11h a 14h.