![]()
A pintura abstracta de David de Lorenzo protagoniza a exposición de abril en Stoupa
Coa aproximación do verán, Stoupa inicia unha etapa na cal dará especial protagonismo á pintura da Costa da Morte. A obra de catro pintores -de moi diversos estilos e técnicas- pasará pola galería nos próximos meses.
Inicia esta serie pictórica David de Lorenzo. Nado en Madrid e veciño de Fisterra, De Lorenzo presenta unha serie na que afonda na abstracción e en conceptos tan amplos como as manchas grosas de pintura, a utilización da cor ou a exploración das liñas curvas. A colección componse de 9 obras de formato medio-grande que destacan polo seu gran colorido e viveza. A exposición poderá visitarse ata finais de abril no horario habitual do establecemento.
Cunha carreira artística de máis de dúas décadas, David de Lorenzo formouse maioritariamente de xeito autodidacta, véndose especialmente atraído polo óleo, a acuarela e o acrílico. Expuxo as súas creacións nos Faros de Fisterra e Vilán, en diversos centros culturais e nas galerías de arte Monty 4 ou Guadí; ademais de dedicarse á docencia no ámbito das artes plásticas. No seu currículo destaca o Premio Accésit de Acuarela na exposición colectiva do Club de Campo de Madrid (2014 e 2016).
Artistas como Xoanxo Cespón, Jaime Casais ou Susana Llorente (Yano Yoro) sucederán a David de Lorenzo nesta nova tempada que Stoupa dedica á pintura da Costa da Morte.