xoves. 07.08.2025
El tiempo

Conta atrás para a 40ª Festa da Carballeira de Zas: catro décadas de música e tradición

  • A Festa da Carballeira de Zas celebra este 2025 a súa 40ª edición, que dende fai anos, é un dos festivais máis importantes da música folk a nivel nacional e internacional.
  • Un evento que combina historia, música, gastronomía e unha gran variedade de actividades no que moitas persoas volven ano tras ano coa familia, amigos ou fillos, mantendo viva unha tradición compartida.
  • Aínda podes conseguir entradas a prezo reducido.
Publico na Carballeira de Zas 2022
Publico na Carballeira de Zas 2022
Conta atrás para a 40ª Festa da Carballeira de Zas: catro décadas de música e tradición

Mentres a Semana Cultural quece motores, a vila de Zas xa pensa na súa mítica Festa da Carballeira. Unha Festa da Carballeira ten unha historia que bebe da terra, xa que naceu dunha antiga festividade do Santísimo Sacramento, cando a veciñanza xuntábase na Festa da Carballeira do Souto para compartir unha merenda ao son da música tradicional. Esta tradición desapareceu durante un tempo, pero foi recuperada a mediados dos anos 80 grazas ao impulso dunha veciñanza comprometida coa cultura e co territorio.

Dende entón, o festival non deixou de medrar, sendo no ano 2016 cando se extendeu a programación do festival a dous días. Nese mesmo ano, a gastronomía converteuse nun dos grandes atractivos do festival, incorporando á tradicional mexilloada popular, que reparte máis de 500 quilos de mexillóns de balde cada ano. 

A capacidade do evento é outro dos seus grandes logros. Só na edición de 2024, máis de 5.000 persoas déronse cita na xornada do sábado, cun incremento medio cada ano que pasa preto do 30 %. 

Unha festa que medra co seu público

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Concerto de Paco Nogueiras na sesión vermú

Un dos aspectos máis fermosos da Festa da Carballeira é o seu carácter familiar e interxeracional. Moitos comezaron vindo cando eran cativos, da man dos seus pais ou familiares, nunha manta na herba, coa merenda compartida e a música como banda sonora do verán. Co paso dos anos, seguen volvendo, agora con amigos, parellas ou mesmo cos seus propios fillos, mantendo viva unha tradición que non se perde, senón que se transmite e se transforma.

Ademais, a Festa da Carballeira ofrece propostas para todas a idades, con actividades tan diversas como unha feira de artesanía, un mercado ecolóxico e unha zona infantil con actuacións para os máis pequenos, facendo da festa un espazo aberto, familiar e onde a mocidade atopa un espazo no que celebrar, descubrir e reivindicar a cultura.

Un impulso para a economía local

A Festa da Carballeira é tamén un motor de dinamización económica e social para o concello de Zas e toda a comarca da Costa da Morte. Durante a fin de semana do festival, o sector hostaleiro, os aloxamentos, os comercios e os servizos locais experimentan unha alta actividade, xerando emprego temporal e visibilidade para o territorio

Ademais, o festival é tamén pioneiro no seu compromiso co medio ambiente, xa que dende 2016, os vasos reutilizables forman parte da experiencia da festa, cun sistema de fianza que fomenta a reciclaxe e reduce residuos.

A evolución do cartel e símbolos que fan comunidade

O que comezou con grupos locais e formacións tradicionais galegas, hoxe conta con artistas de proxección internacional. Ao longo destas catro décadas, deixaron a súa pegada bandas como KorpiklaaniMago de OzRuraRed Hot Chilli PipersThe O’Reillys & The Paddyhats, ou referentes da escena galega como TanxugueirasSÉSHeredeiros da CrusXabier Díaz ou Susana Seivane. Esta combinación de nomes consagrados e novos talentos converte a Festa da Carballeira nun espazo vivo onde tradición e vangarda camiñan da man.

Tamén, o deseño do cartel, sendo estas ilustracións moitas veces feitas por artistas locais, foi gañando identidade co tempo, incluíndo elementos icónicos da música folk como pandeiretas, gaitas ou zanfonas. As camisetas oficiais da Festa da Carballeira, cun deseño exclusivo vinculado ao cartel, convertéronse en obxecto de colección para moitos asistentes, xa que hai algúns que conservan todas as camisetas dende as primeiras edicións, unha mostra máis da conexión emocional que xera o festival.

Outro dos símbolos que destaca da Festa da Carballeira é o xarro de Buño, que se entrega con cada queimada popular. Unha peza artesanal única, feita por oleiros tradicionais, presentándose cada ano cun novo deseño. Un recordo que moitas persoas coleccionan como se fosen trofeos dun ritual compartido.

Catro décadas de anécdotas e emoción

Son incontables as anécdotas que poderían escribirse ao longo destas catro décadas: músicos que improvisaron instrumentos, concertos pasados por auga que foron épicos, familias que se coñeceron na festa e seguen volvendo ano tras ano ou persoas que viaxan dende fóra de Galicia só para vivir a maxia da Festa da Carballeira. A edición de 2022, tras a paréntese da pandemia, foi especialmente emotiva, xa que foi un reencontro colectivo cargado de emoción e esperanza.

Venda de entradas

A venda de entradas online pódense a atopar na páxina oficial da festa, no seguinte enlace https://events.ticketrona.com/es/entradas-40a-festa-da-carballeira-de-zas-fka2?s=link#/stus673VtsP e tamén nas propias redes sociais da Festa da Carballeira: FacebookInstagram e X.

O prezo regular será: abono de día individual 10€ + gastos de xestión e o abono para os dous días 18€ + gastos de xestión. A venda online de entradas estará aberta ata o día 8 de agosto as 21h, a partir de este momento as entradas poderanse comprar en taquilla, onde os prezos serán de 15€ entrada para un só día, ou 25€ abono para os dous días.

Comentarios