Muros pon o novo traxe do Castelo Rock

Unha das citas indiscutibles da fin de semana, ademais da Carballeira de Zas, e a XXI edición do festival Castelo Rock de Muros, que terá lugar o 8 e 9 de agosto. Unha cita que supón un cambio de modelo, un modelo sostible, no medio do casco vello, con aforo limitado a 500 persoas, pero que moita tralla, e coa música galega como referente.
Este ano, o escenario principal estará situado na Praza do Mercado, no centro histórico da vila, un espazo próximo e acolledor que acollerá un cartel de calidade e identidade. Como cabeza de cartel destaca Gorka Urbizu, referente absoluto da música en euskera grazas á súa traxectoria ao fronte de Berri Txarrak, unha das bandas máis influentes do rock alternativo estatal. Urbizu chega a Muros presentando o seu traballo en solitario Hasiera Bat, unha proposta íntima, coidada e profundamente emocional que marca un novo rumbo artístico.
Xunto a el, completan o cartel artistas de referencia como Familia Caamagno, Pauliña, Capital Voskov, Eris Mackenzie, Lisdexia, Mascada e Catuxa Salom, nunha programación que combina diversidade estilística, presenza feminina e apoio ao talento galego.
O festival complétase con actividades de día con entrada libre, a partir do xoves 7 de agosto, en tres escenarios alternativos situados no Curro da Praza, a Rúa Ancha e a Praza da Pescadería. A programación inclúe actuacións para público familiar, como A Banda do Verán e o espectáculo de circo de rúa Rogelio III. La Fête, así como concertos acústicos (Kreze), bandas locais (Fallen Idols, Sonophobia) e sesións musicais a cargo de Tête de la Course e Meu Cariño DJ, que completarán a banda sonora diúrna da vila.
Un cambio de modelo valente
Desde a ACRD Praia do Castelo, entidade organizadora, recoñecen que este 2025 é un punto de inflexión:
“En marzo, tras un último ano con poucas perspectivas de continuidade, xuntámonos para reflexionar e tomar unha decisión difícil. Se nese momento nos din que en agosto íamos estar celebrando unha nova edición, diríamos que non era realista. Estes meses foron de moito traballo, de reconducir a dirección do proxecto e apostar por outro xeito de facer.”
Este cambio de rumbo materialízase nun festival coidado, humano, sostible, centrado na calidade fronte á cantidade, e na creación dun espazo próximo onde artistas, público e vila compartan unha experiencia real.
“Non queremos competir cos macrofestivais. Non é o noso lugar. Queremos facer un festival á nosa medida, ligado ao territorio, sostible e con identidade propia.”
Entradas dispoñibles
Os abonos están á venda en: www.castelorock.gal/entradas 15 € (público xeral) | 10 € (socia/o) | 10 € entradas de día