Evento
Festa do Bosque
03/xul./2016 a 03/xul./2016
10:00 h a 10:00 h
14:11 11/05/16
Festa do Bosque celebrarase o 3 de xullo, segundo acordou a comisión de festas na reunión de onte. Con esta decisión, que se viña barallando a raíz da convocatoria de Eleccións Xerais e que se adoptou tras escoitar a diferentes sectores sociais, a Asociación Cultural San Xoán pretende, por unha banda, facilitar que todo o mundo poida gozar dun dos días grandes das celebracións patronais de Carballo e, por outra, racionalizar o traballo do persoal municipal -tanto administrativo como de obras- e dos efectivos de seguridade e emerxencias. Tanto a Asociación Cultural San Xoán como a Concellería de Festas de Carballo entenden que o traballo engadido que suporía a Festa do Bosque significaría un sobreesforzo excesivo, ademais de que a posibilidade de formar parte das mesas electorais ou do amplísimo equipo humano involucrado nuns comicios privaría a moitos carballeses e carballesas da posibilidade de gozar dun dos actos máis familiares e arraigados do noso San Xoán.
O caso de Carballo non é único. Tamén barallan cambios de data noutras localidades que celebran as súas festas a finais de xuño. A convocatoria das Eleccións Xerais, de feito, está a provocar suspensións e aprazamentos en todo o territorio estatal. Así, por exemplo, os Campionatos de España de Ciclismo, previstos para o 26 de xuño en Alicante, adiantaranse para evitar a coincidencia cos comicios.
O aprazamento da Festa do Bosque non significará, no entanto, que non haxa actividades o domingo 26. Todo o contrario. A animación propia do San Xoán manterase durante toda a xornada, que ademais coincide coa feira, e intensificarase pola noite, tras o peche dos colexios electorais, coa verbena e a sesión de fogos artificiais.