Mércores. 09.10.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

FIOT (V)

25/out./2019 a 27/out./2019
19:00 h a 20:30 h
Carballo
Programa FIOT Carballo 2019 O Electo

O 28º Festival Internacional Outono de Teatro afronta desde este venres a recta final da súa programación cun fin de semana ateigado de estreas absolutas e no país. Entre elas, destacan a representación, por vez primeira, de O electo, a nova produción de Contraproducións, grupo Focus e o FIOT, así como de Hamlet, que supón o regreso da Companhia do Chapitô a Carballo.

Estrea de O Electo

Especial atención cobrou a presentación de “O electo”, unha co-produción de Contraproducións, Focus e FIOT (a terceira co-produción entre ambas entidades logo de O Tolleito de Inhisman e Fillos do Sol). A estrea absoluta desta creación, baseada nun texto de Ramón Madaula, terá lugar o vindeiro venres 25, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo.
A obra, unha versión adaptada polo director, Cándido Pazó, conta con Manu Baqueiro e Antonio Mourelos coma protagonistas. O electo sitúa a acción nos momentos previos á investidura do novo presidente (Manu Baqueiro) da Xunta de Galicia, cando comeza a sufrir un tic choqueiro que lle impide afrontar, con normalidade, o momento. Un psiquiatra (interpretado por Antonio Mourelos) tentará axudar ao recentemente elixido Presidente nesta comedia sobre a función política.

Na rolda de intervencións, o director da mostra Alberto Sueiro destacou “o FIOT como ferramenta imprescindible para a creacion”. Nesa liña afondou o alcalde Evencio Ferrero, encantado que a dimensión do FIOT “vaia trascendendo e sirva para proxectar o festival noutras latitudes”. “Estamos encantados de que sexa unha referencia para a creatividade”, apuntou.

Sobre a obra, Javi Sutil destacou que vai ter longo percorrido, Pazó destaca a súa “arquitectura dramatúrxica”; Mourelos valorou que “a versión galega é moi especial, case unha obra distinta”; e Manu Barqueiro apunta que a obra “é un desafío como actor”.

Hamlet, tamén en Sala

Programa FIOT Carballo 2019 Chapito

O Programa de Sala presentará este domingo 27 a nova produción da Companhia do Chapitô, Hamlet. Unha comedia visual e física que convida á imaxinación do público, trasladando o clásico de Shakespeare á contemporaneidade dunha empresa multinacional. O humor, a creatividade e o traballo físico son a linguaxe que emprega habitualmente a compañía portuguesa, recoñecida internacionalmente e asidua, ademais, ao FIOT. O seu Hamlet, reflexo dunha sociedade deshumanizada, aborda cuestións como a traizón, a vinganza, a corrupción, o incesto ou os xogos do poder. A través do uso de obxectos, Chapitô desafiará o enxeño do público, empregando nesta ocasión as garabatas como símbolo de poder.

Máis OTNI

Programa FIOT 2019 El Patio Teatro

Tamén se estrea en Galicia “Conservando memoria”, un fermoso traballo da compañía riozana El Patio Teatro baseado no teatro de obxecto. A obra, enmarcada no 10º ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón un universo poético e máxico no que os obxectos cobran vida na imaxinación do público grazas a unha linguaxe propia que abordará historias que brotan da emoción ante o cotián. O traballo de Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López, unha homenaxe aos avós, vén de ser premiado na Fira de Titelles de Lleida e poderase ver no salón de actos do Pazo da Cultura o sábado 26, contra ás 20.30 horas.

Últimas sesións de Micro-Escenas e da Escola do espectador

Programa FIOT 2019 Microescenas Marina Dobronich

O III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado baixa o pano coa estrea absoluta de dúas pezas noutros tantos espazos singulares, como son un lavadoiro e unha paquetería. Así, o lavadoiro municipal acollerá as funcións de Soas lavan, de Tukumpás Teatro, unha comedia xestual musicada que conta, tanto na creación coma na interpretación, con Rubén Porto, Davide González e Martín Pol.
A segunda das estreas será O silencio das tartarugas, unha proposta interpretada por María Dobronich unicamente apta para 10 espectadores por función, e que se trata dunha adaptación dun monólogo da dramaturga arxentina Lucía Laragione. Este espectáculo poderase ver, no horario habitual das Micro-Escenas, na Mercería e Paquetería Pilar María (rúa Fábrica, 5).

En canto á Escola do Espectador, Camilo Franco aboradará de 12.00 a 13.30 horas en A Barra Bar, “unha das partes máis difíciles do teatro, como é a súa visión ou reflexo da vida común e como foi cambiando ao longo dos anos”.

Presentación e lectura dramatizada de Habitada

Ademais da súa actividade habitual, o FIOT propón este venres 25, ás 19.00 horas, a presentación aberta ao público, no Pazo da Cultura, do texto teatral da obra Habitada, escrita pola carballesa Olivia Pena.
Pena é profesora de lingua e literatura galega de ensino secundario nun centro educativo da vila, ademais de colaboradora de Casahamlet. A obra, publicada en 2018 na Revista Galega de Teatro (Erregueté), reflexiona sobre as identidades e a loita polos soños.

AXENDA DO FIOT PARA ESTA FIN DE SEMANA

Venres 25:
19.00 horas - Pazo da Cultura. Presentación e lectura dramatizada de Habitada, de Olivia Pena.
21.00 horas - Pazo da Cultura. O electo, de Contraproducións, Focus e FIOT (estrea absoluta)

Sábado 26:
12.00 horas - A Barra Bar. Escola do espectador. Vida común. A memoria non é un documento, con Camilo Franco.
13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas - Lavadoiro municipal. Soas lavan, de Tumkumpás teatro (estrea absoluta).
13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas - Mercería e paquetería Pilar María. O silencio das tartarugas, de María Dobronich (estrea absoluta).
20.30 horas - Pazo da Cultura (salón de actos). Conservando memoria, de El Patio Teatro (estrea en Galicia).
20.30 horas - Pazo da Cultura (auditorio). O electo, de Contraproducións, Focus e FIOT.

Domingo 27:
20.30 horas - Pazo da Cultura. Hamlet, da Companhia do Chapitô (estrea en Galicia).

 

Programa Calendario FIOT 2019 Carballo

Programa FIOT 2019 Venda Entradas

Comentarios