mércores. 03.06.2026
El tiempo

O crú comunicado da Esteirana tralo seu descenso administrativo

Esteirana en Lugo
Xogadoras da Esteirana nun partido en Lugo
O crú comunicado da Esteirana tralo seu descenso administrativo

Este pasado domingo o Xosé Luís Vara non puido despedirse das súas bravas xogadoras despois dunha complicadísima temporada. Unha denuncia do At. Milagrosa provocou que o Comité de Apelación determinase a expulsión da competición e o descenso administrativo do equipo da 2ª Div. Feminina por disputar 3 xornadas consecutivas con menos de 11 xogadoras. Unha situación previda pola plaga de baixas que leva carrexando o equipo blaugrana todo o curso, e que finalmente acabou provocando este inxusto descenso.

Ante a decisión, o club emite este comunicado:

COMUNICADO DA S.D. ESTEIRANA

A Sociedade Deportiva Esteirana desexa trasladar publicamente o seu profundo malestar e a súa absoluta preocupación polo xeito no que se xestionou, por parte da Real Federación Galega de Fútbol, o expediente disciplinario que acabou na nosa exclusión da competición de Segunda División Galega Feminina, coa anulación dos resultados da segunda volta e a adscrición a división inferior, acordada por resolución federativa de data 29 de maio de 2026, polos gravísimos efectos deportivos e reputacións que comporta, e pola percepción —hoxe xa convertida en evidencia para o noso club— dun funcionamento deficiente en aspectos esenciais de comunicación, atención e garantías mínimas nun procedemento que, pola súa natureza pública e sancionadora, esixe rigor, transparencia e un respecto escrupuloso aos dereitos dos clubs afectados.

En particular, denunciamos que a RFGF non comunicou correctamente no seu debido día, coa claridade, formalidade e trazabilidade esixibles, as sancións e actuacións relevantes que condicionaban de maneira determinante o risco dunha consecuencia tan extrema como a expulsión da competición; esta falta de comunicación efectiva, unida á ausencia dunha resposta en tempo útil á nosa solicitude de medidas cautelares, xerou unha situación de indefensión material e de inseguridade competitiva no treito final do campionato, xusto cando a integridade do calendario, a igualdade entre participantes e o normal desenvolvemento da competición requiren a máxima dilixencia e capacidade de reacción por parte dos órganos federativos.

A S.D. Esteirana quere tamén explicar —sen escusas e coa transparencia que merece calquera afección— que en diversas ocasións da tempada vimos obrigadas a competir con menos de 11 xogadoras por causas estritamente sobrevidas e humanas, concretamente por lesións e por embarazos, circunstancias que afectaron de forma directa á dispoñibilidade de futbolistas e á confección de convocatorias; aínda así, o noso club tentou en todo momento soster o seu compromiso coa competición, co respecto ao rival, coa afección e coas propias xogadoras, tratando de preservar o espírito deportivo e a continuidade do equipo en condicións extremadamente difíciles.

Así mesmo, queremos deixar constancia pública dun feito que nos avergoña ter que relatar: o venres 29 de maio, nun momento crítico pola inmediatez da xornada final e pola urxencia de obter unha contestación á nosa petición cautelar para evitar prexuízos irreparables, na Federación non se atendían chamadas nin se daban respostas polos canles ordinarios; agás o Sr. Manolo Corredoira —a quen recoñecemos expresamente que foi o único que atendeu as nosas dúbidas e tratou de orientarnos, a pesar de non depender del—, ninguén collía o teléfono, obrigando a este club a xestionar unha situación límite sen interlocución real, sen confirmacións operativas e sen unha mínima seguridade sobre que decisión se ía adoptar ou cando se ía resolver. Un venres 29 de maio no que se reuniu o Comité de Apelación de urxencia para emitir a resolución, xa pasadas as 12.30 horas, sen marxe a nada. O horario da federación de 16.00 a 18.30horas do venres foi inútil, xa que estivemos chamando desde varios teléfonos e ningún foi atendido...

Ante este escenario, a S.D. Esteirana presentou escrito ante a RFGF, solicitando expresamente, ademais, a adopción de medidas cautelares destinadas a garantir o mantemento do normal desenvolvemento competitivo e a evitar danos de moi difícil reparación derivados da execución inmediata dunha sanción expulsiva no treito final da tempada, e fíxoo desde o convencemento de que o deporte, e particularmente unha competición federada, non pode quedar á mercé de comunicacións defectuosas, silencios administrativos de feito ou falta de resposta ante solicitudes urxentes que afectan a terceiros, á clasificación e á propia credibilidade do sistema.

A S.D. Esteirana reitera o seu respecto ás institucións deportivas, aos órganos disciplinarios e aos clubs participantes, e precisamente por ese respecto esixe que o sistema federativo funcione con profesionalidade, con regras claras, con notificacións correctas, con resolucións motivadas e con respostas en prazo, especialmente cando se adoptan decisións que alteran de forma drástica a competición, os resultados e o futuro deportivo dun club; por iso, seguiremos defendendo os nosos dereitos polas vías previstas, con serenidade pero con firmeza, para que se esclareza o sucedido, se repoñan as garantías vulneradas e se evite que situacións como esta volvan repetirse.

Do mesmo modo, comunicamos que a S.D. Esteirana presenta recurso ante o COMITÉ GALEGO DE XUSTIZA.

  • JESÚS RAMÓN CAAMAÑO RIOMAO. Presidente SCRD ESTEIRANA.

 

Comentarios