Evento
Mostra de Teatro de Malpica

Os espectáculos galegos máis laureados serán os protagonistas dunha 12ª edición da Mostra de Teatro de Malpica de gran nivel. A Concellería de Educación, Cultura e Turismo coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, reunirá o mellor da escena galega ao longo de varias semanas. Os espectáculos máis laureados pasarán polo escenario do Centro Cívico a partir do día 4 de novembro e ata o 2 de nada.
Programa
Venres 18 de novembro, ás 20.30h. “Fábula Galénica”. Fantoches Baj (Produce Urdime).
No espectáculo Fábula Galénica, títeres de luva, interpretan dentro dunha preciosa radio antiga unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares. Narrado coma se dun programa de teatro radiofonico se tratase, cóntase como na comarca de Catasós ven reducidos os seus recursos polo desexo do Rei Don Cardo de construírse un castelo novo e desproporcionado. Isto obriga ao Burro Eduardo xunto coa raposa, o lobo e o regato a organizárense na súa loita contra o Rei para recuperar a vida da fraga e a súa contorna.
Fábula Galénica é unha metáfora das actuais desordes ecónomicas fácil de comprender polo público infantil que empatizan claramente cos animais poñéndose do seu lado. A través deles trasmíteselle, dunha forma divertida, a importancia do respecto polo medio ambiente, da amizade e da honradez. Valores necesarios fronte a unha sociedade que actúa de xeito egoísta e baixo o dominio do consumismo.
- VII Premio Barriga Verde de texto para teatro de monicreques.
Venres 25 de novembro, ás 20.30h. “Luppo”. Baobab Teatro.
Luppo é un home maior que vive só e todos os días, ás doce en punto do mediodía, acende o seu gramófono e escoita ópera. Sempre a mesma canción. Ten un amigo, Tulún, un neno que cada mañá lévalle o pan, as especias e o xornal. Luppo cóntalle a Tulún moitas historias da súa vida. Unha mañá Tulún chega coa compra e Luppo non está…
"Luppo" é un espectáculo que fala do ciclo da vida, do apego cara a ás persoas que nos rodean, en particular cara aos nosos maiores, e da importancia das historias que construímos ao longo da vida.
- Premio ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo 2015 e Candidato aos Premios Max 2016 na categoría de "Mellor Autoría Teatral”.
Venres 2 de nadal, ás 20.30h. “Perplexo”. Il Maquinario Teatro.
Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures e a luz está cortada por falta de pago, aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na súa ausencia. Cando esta nova parella aparece en escena a situación da un xiro, pois semella que eles son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda.
A perplexidade de Laura e Fernando ante a nova situación transfórmase en aceptación, rematando por retirarse da vivenda…
A partir deste momento a peza sucederase nun continuo xogo de intercambio de roles, onde o espectador será trasladado a un vertixinoso devir de escenas onde os actores-personaxes deberán transformarse para adecuarse a unha realidade en constante cambio.
- 5 Premios María Casares 2015: Mellor Espectáculo, Dirección, Iluminación, Vestiario e Tradución/Versión.
Fonte
- Concello de Malpica.