![CARTEL PRESENTACIÓN LIBRO]()
Este venres 27 de maio, ás 19:00h no Faro de Fisterra, terá lugar a presentación do libro "A Viaxe á Fin do Mundo", de Manuel F. Rodríguez.
MANUEL F. RODRÍGUEZ
Manuel F. Rodríguez (Sarria, 1958) é xornalista e doutor en Ciencias da Información. Traballa no Xacobeo, foi profesor de Comunicación da Universidade de Santiago e colabora como docente nos seus Cursos Internacionais. Publica desde 1996. Entre as súas obras están
Os Camiños de Santiago en Galicia, 2004, con Francisco Singul;
La catedral de Santiago para los peregrinos, 2012, e
Santiago de Compostela para los peregrinos, a primeira guía desta cidade que revela a súa condición de meta da ruta xacobea.
Foi, ademais, coordinador de
La gran enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea, obra en 18 tomos con tres mil entradas na que participaron expertos de varios países e publicada, como as dúas anteriores, por Bolanda Edicións. Tamén dirixiu as primeiras exposicións sobre a historia da radio en Galicia, 2009-2010. Traballou e colabora en medios de comunicación e ten impartido conferencias en países de Europa e América.
A viaxe á fin do mundo é a súa primeira novela.
SINOPSE
Moito antes que o Códice Calixtino roubaron da catedral de Santiago a xoia máis antiga e amada. Nunca apareceu. Era parte dunha viaxe.
O roubo en 1906 na basílica compostelá da cruz de Afonso III, unha cruz grega do século IX de ouro e xemas, nunca se resolveu. A prensa apenas tratou o sucedido, malia supoñer a perda da ofrenda máis antiga ao apóstolo Santiago e a máis venerada polos peregrinos. En 1921, o misterio aumentou ao arder o retablo de onde desaparecera. Foi un feito insólito e non aclarado e, coma o roubo, axiña esquecido.
Só alguén en Santiago, un xornalista, quererá respostas, non tanto por afán profesional como polo xeito en que estes sucesos condicionarán, sen piedade, a súa vida. Esta busca levarao a cruzarse, de traumático xeito, con outras buscas non menos determinantes. Procuras que aos cen anos do roubo volverán con insospeitadas consecuencias. A clave estará na viaxe metafórica e real ao finis terrae máis mitificado polos europeos a través dos séculos.
A viaxe á fin do mundo
é unha historia de interminable misterio onde o amor e a morte se unen para facer de cada pregunta a resposta.