Venres. 19.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Os Monicreques de Kukas presentan "Arlequina" en Muros

19/out./2019
18:00 h
Centro Cultural e Xuvenil de Muros
arlequina muros
Os Monicreques de Kukas presentan "Arlequina" en Muros

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros  continúa a súa actividade teatral coa posta en escena de Arlequina, que estará en Muros o sábado 19, ás 18:00 horas. É o primeiro espectáculo dirixido a público familiar da tempada e está incluído na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. 

Para celebrar o seu corenta aniversario Os Monicreques de Kukas crean un espectáculo de gran formato, dirixido a tódolos públicos, e que combina o traballo de actor, a pantomima, a animación de marionetas, a maxia e a música en directo, para dar vida a unha divertida, misteriosa e trepidante aventura, que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta de papel de periódico, chamada Arlequina, na busca da súa identidade, para o que conta coa axuda do vello e estrafalario titiriteiro, Marcelino.

O autor deste gran traballo é Kukas, Marcelino de Santiago Viqueira, pero en escea acompáñao un gran elenco: Jorge Casas, Isabel García, Borxa Insua, Larraiz Urruzola, Ero Vázquez e os músicos de Zoar Ensemble Joan Ibáñez, Benjamín Iglesias, Alex Salgueiro, Antonio Suárez e David Villa

Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas, é un artista completo, que destaca na pintura, na fotografía, no deseño, na literatura, pero sobre todo é coñecido pola súa faceta teatral, como escenógrafo, atrezista e figurinista, autor, director, actor e máis que nada como creador e manipulador de monicreques. Na súa traxectoria recibiu varios Premios: O Compostela á mellor escenografía, a Mención de Honor pola súa labor en teatro de bonecos do “Centro Municipal de las Artes de los Títeres de Bilbao”, o María Casares á mellor escenografía e os premios de honra do Festival de Títeres Titiricuenca e do Festival Internacional Outono de Teatro, O Xograr de Outono.

As entradas son a 3,50 € e xa están a venda nas oficinas do centro cultural e xuvenil de Muros.

Comentarios