Evento
Representación de Tres vellas (polo menos) en Carnota

Volven as Noites espectaculares a Carnota para amenizar as tardiñas deste outono, un ciclo dirixido ao público adolescente e adulto. Co foco no teatro, estas actuacións que forman parte do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña terán lugar no salón de actos do Concello. Así mesmo, a entrada é libre até completar o aforo do salón.
- Tres vellas (polo menos) – Venres, 8 de novembro ás 21:00 h
Último espectáculo dos xeniais narradores Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” e Quico Cadaval (Producións Teatrais Excéntricas).
Sinopse
No repertorio de todos tres, hai muitos contos que foron contados por vellas, a quen llos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, mais poderian manter unha conversa entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador que se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e faino voltar ao rego do relato.
As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar na escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como TRES VELLAS (polo menos).
Ao rematar, os/as espectadores/as, coa boca encharcada, sairán a soñar co prato fumegante da memoria.