Mazaricos amplía a curta rede de áreas para autocaravanas na Costa da Morte


Despois da revolta gandeira (ollo que pode que non rematase aínda) segue o alcalde de Mazaricos tendo unhas semanas completas. Xuntanzas e xuntanzas coa xente do couto de pesca do río Beba, coa asociación Cabalar, coa Xefatura da Consellería de industria e Medio Rural, cos veciños de Corzón, coa Asociación Eu son Mazaricos, con ABanca, co equipo de fútbol…
Pero unha das que queremos resaltar é que mantivo Juan José Blanco co presidente da Asociación Galega de Autocaravanas. A idea foi explicarlle a nova área para eses vehículos que se vai construir na Picota.
Unha iniciativa moi interesante, tendo en conta que Mazaricos pode ser unha porta de entrada moi boa dende Santiago á zona costeira, e que son moi poucas as áreas para esta clase de vehículos na Costa da Morte. Pouquísimas tendo en conta a cantidade de caravanas que nos visitan cada ano, e o sinxelo que é poñer unha área decente, pois apenas require un punto de recollida de augas grises e de augas fecais e un punto de reposición de auga.

Ollando o mapa de áreas de autocaravanas de Galicia da AGA, comprobamos que Áreas de verdade, só temos a área de Lombáns, en Carnota, un dos poucos concellos que confían nesta clase de turismo, sendo o epicentro costeiro para os autocaravanistas, pois tamén hai parada en Lira.
Temos outras infraestruturas na zona, como a Área en ruta da Estación de Servizo Bazarra, en Cee.
Temos ademais varias zonas de Aparcadoiros, como o porto de Camariñas, o Santuario da Barca de Muxía, o porto de Fisterra (hai agora unha área privada), o Faro Fisterra e a Praia Langosteira. Ademais en Muros hai tamén unha zona de aparcadoiro en A Vouga.

Área completa na Picota
Así, gracias á iniciativa municipal, A Picota terá unha nova área para autocaravanas. A idea é que exista a posibilidade que as autocaravanas teñan un sitio seguro e especialmente habilitado para eles, con conexións eléctricas, baleirado de resíduos…
Trátase, con esta iniciativa, de incentivar aos viaxeiros a utilizar A Picota como un sitio de referencia na zona, que abrangue Costa da Morte, Muros - Noia, Xallas, etc.
Esta iniciativa conta cos parabéns da Asociación Galega de Autocaravanas, como confirmou o presidente da entidade ao alcalde.

Novas relacionadas
- O BNG propón coidar o turismo de autocaravanas.
- Costa da Morte, unha das zonas máis virxes de España.
- Carnota si aproveita o tirón das autocaravanas.
- Os autocaravanistas volven facer de Lombáns o seu punto fetiche.
- Juan José Blanco: “O 90% de Mazaricos depende do sector gandeiro”.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)