Xoves. 02.05.2024
El tiempo
Abraham Trillo
18:42
10/03/24

García Márquez

García Márquez

Hai escritores que seguen a sacar libros estando finados, como é o caso de Gabriel García Márquez. Porque a Márquez, no nonaxésimo sétimo aniversario do seu nacemento, publicáronlle unha novela. Novela que el- coas súas razóns, como é de supoñer-, decidiu descartar no seu momento, cando aínda estaba vivo, ata o punto, seguundo parece, de querer destruila. Pois resulta que agora veñen os seus herdeiros a entregarlle ao mundo esta última obra do seu pai - “En agosto nos vemos”- como para lle facer un favor a el e á masa letora. Vese que o criterio que teñen sobre o que non escribiron é superior ao de quen si o fixo, tanto como para atreverse a contradicilo. Lóxicamente fano polo seu ben, claro.

- Como vai quedar esta fabulosa obra sen ver a luz?
- E que como lle dou a papá por gardala no caixón, co boa que é. Se todo o que facía era boísimo. - Non me explico...

En fin: nada novo baixo o Sol, el muerto al hoyo y el vivo al repollo, cría avestruces e sacaranche os... Seguide vos cos refráns.

Di por aí alguna revista literaria ou algo polo estilo, un xa non sabe onde le as cousas, que os primeros versos que escribiu o cataqueiro foron aqueles que soan : “Hoy esta atardeciendo/ tu nombre en mi poema”. Un pouco cursis, sen dúbida, pero moi bonitos. Cantos nomes nos gustaría que atardecesen no noso poema?

De García Márquez cóntanse moitas cousas. Que de tan pobre que era, por exemplo, viuse obrigado a vender os mobles da súa casa para poder enviar por correo á editorial a novela coa que se faría famoso, “Cien años de soledad”. Non foi esta, nembargantes, a primeira que lin del, se non a de “El coronel no tiene quien le escriba”. Ao adolescente que fun non lle gustou nada aquel remate. Moi aberto, pensaba. Pero non é por iso polo que me cae mal, para nada. Cáeme mal porque si. Sen xustificación. De todos modos non creo que a el lle vaia a importar moito. Cas antipatías irracionais hiy que saber vivir, marcharán coma viñeron. Non hai presa.

Todo isto era para meterme un pouco cos seus fillos e para desexarlle a el un feliz cumpreanos. Tanto unha cousa como a outra xa está feita, así que, “amigo lector”- como dicían os flemáticos do século pasado- , non che entreteño máis.

  • Abraham Trillo. Estudante, paseante e escritor.

Comentarios