Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
13:12
14/02/11

Momento para a asociación de clubs da Costa

Momento para a asociación de clubs da Costa
Para algúns ao mellor xa resulto pesado falando deste tema, pero penso que o fútbol da Costa necesita un cambio de rumbo e agora pasamos por un momento ideal para marcar ese xiro de camiño: as eleccións na Federación Galega de Fútbol debe ser a palanca e a man que a accione a asociación de clubs da Costa. A unión nos clubs é fundamental para afrontar problemáticas conxuntas e conseguir mellora nas prestacións para os equipos, e aí é onde a asociación de clubs ten que xogar un papel importante e abofé que algo esta a facer. A mobilización dos clubs para a eleccións dos asembleístas da Federación desta semana é un claro exemplo. A fortaleza da asociación vaise a fundamentar en que haxa xente implicada que queira traballar pola defensa dos intereses do fútbol da Costa, que non se mova por intereses persoais ou de clubs. Cónstame que xa hai xente que o esta a facer, que intenta construír un asociación cunhas boas bases e que vai necesitar o apoio de todos os clubs e de toda a xente que lle guste o fútbol e queira este deporte na Costa. Na medida en que se consiga unha asociación forte e unida poderemos esixirlle moito mais a Federación independentemente de quen a goberne. Fundamental achegar a Federación aos clubs ¿por que non unha delegación física da Federación en Baio? ¿é tan difícil?, soamente con ilusión, traballo e sobre todo unión pódese conseguir, buscar que a Federación sexa para todos mais cercana e facilitar os trámites aos clubs que traballan desinteresadamente e sempre co tempo tan xusto debe ser un obxectivo prioritario. Hai moitos camiños para conseguir este achegamento, non é cuestión de querer abordalos todos ao mesmo tempo, hai que priorizar e dar pasos seguros aínda que sexan curtos. Actualmente ¿que reporta a Asociación aos clubs? Pensando ben, nin un calendario a fin de ano se envía aos clubs. Non vou entrar no orzamento da Federación e na capacidade financeira da mesma, pero do que non cabe dúbida é da capacidade negociadora que ten con provedores. Para a Federación ten que ser moi doado conseguir descontos en material deportivo, patrocinios comúns. Non hai que desmerecer os cambios na páxina web da Federación e o aumento da información e a regularidade que por ela circula, pero hoxe as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías son moitos maiores. Os trámites que se poden facer a través dun portal web son moitas e non se están aproveitando. Tramitación de fichas e recursos, consultas personalizadas dos datos de cada club, cambio de partidos... por que se os clubs teñen os medios non o van poder facer dende a súa casa. Outro dos temas que merece unha revisión profunda é o da Mutua. Para min os clubs deben concienciarse que o mellor favor que lle poder facer aos xogadores é darlle o máximo de garantías cando se lesionen. A situación laboral que vivimos non permite moitos descoidos, unha lesión por moi pequena que sexa pode supoñer un despido, ou non caso de ser autónomo a imposibilidade de atender o traballo. Garantamos unhas prestacións mínimas de garantías e por que non unha indemnización, aínda que sexa pequena, no caso de lesións. Repito, hai moitas fichas entre todos os clubs da Costa, os importes que se moven son considerables e de seguro que se conseguen servizos de mutualidades moito máis vantaxosos que os que temos agora. Por favor, unámonos e loitemos por mellorar o fútbol da Costa, poño como exemplo a AFAC, asociación de clubs que hai na cidade da Coruña.

Crónicas de Alberto Pose

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios