sábado. 15.03.2025
El tiempo
09:03
15/02/11

A asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI (IV)

A asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI (IV)

4. A situación nas vilas de Corcubión, Fisterra e Muxía

Do mesmo xeito que no caso ceense, o hospital de pobres da vila de Corcubión non iría ligado nun primeiro momento ó fenómeno das peregrinacións, senón ó propio carácter urbán da vila. Cando o fenómeno xacobeo empece a ter maior relevancia na zona, este hospital, ó igual cá o da veciña vila de Cee, servirá de apoio tamén ós peregrinos. Do hospital da vila de Corcubión coméntase que o Conde de Altamira tiña doado con anterioridade unha casa que a Visita de 1547 define como “hospital de pobres" e do que posteriormente se comenta que servía para hospedar pobres peregrinos que transitan a Finisterre y a Nuestra Señora de la Barca. Non dispoñía de rentas para o seu funcionamento nin de roupas para acomodar ós pobres e camiñantes. En 1571, esa casa, formada por dúas alcobas vacías estaba ocupada pola familia dun texedor continuando nesta situación a principios do século XVII. No caso de Muxía había en 1547 un hospital para pobres peregrinos que bienen al Santuario de Nuestra Señora de la Barca, bien tratado todo, a pesar de su escasísima renta y de la pobreza del lugar. O visitador deixa tamén constancia de que este centro tenía sólo siete cabezales de pluma y cuatro mantas, viejos unos y otras; parece que entonces había una hospitalera y tanto a ella como a los mayordomos se les ruega que continúen haciendo hospitalidad. Na Visita de 1571 volve a lembrar á pobreza do lugar polas incursións e ataques que ten sufrido esta vila e porto sendo a renta do hospital moi pequena: un ferrado de trigo y el alquyler de dos medias casas y la cuarta parte de otra”. Sen lugar a dúbidas, o hospital mellor arranxado e que conta cunha importante renta para o seu mantemento é o de Fisterra. Na Visita de 1547 indícase que contaba cun matrimonio de hospitaleiros e que se estaba a construir a capela. O edificio de dúas plantas contaba con catro habitacións en cada unha e tiña de rentas para o seu funcionamento 114 ferrados de trigo, dez casas, un casal e unha pequena horta. Tamén se menciona a desfeita ocasionada recentemente polos ataques franceses do ano 1543 que ademáis de incendiar e roubar en diferentes casas da vila, levarón tamén a roupa do hospital que foi necesario repoñer comprando mantas, cobertores, colchóns… En 1571 contaba cunha capela con dúas misas semanais de dotación, unha cociña cunha pequena horta, bodega e dúas alcobas coas súas camas, todo na pranta baixa. No primeiro piso había unha cociña e catro alcobas coas súas camas e no piso superior contaba con dúas alcobas máis para clérigos o gente principal que ocurren allí en romería. Tiña de renta propia nesta época 157 ferrados de trigo. * Nota aclaratoria da imaxe: vista dos restos da arcada que se pode ver no atrio da entrada da igrexa de Santa María das Areas, e que, podería ter pertencido ó antigo hospital.
  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)

Que pasou na Costa na época moderna

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios