xoves. 08.05.2025
El tiempo
20:32
22/02/12

A Fuxida

Leo: Indultados cinco Mossos de Escuadra que foran condenados en firme polo Tribunal Supremo por", cito, "torturas, lesións, maltrato e detención ilegal". Segundo a sentenza, "os mossos propinaron unha paliza con reiterados golpes e puñetazos a un cidadán falsamente acusado de roubo. Pisáronlle a cabeza contra o asfalto, introducíronlle o canón dunha pistola na boca mentres lle dicían "Se a xuiza te solta matámoste igual, non serialo primeiro", etc, etc. En 2011 o anterior goberno xa indultara a outros tres membros do mesmo corpo policial condenados por dar unha malleira a un detido nunha comisara de Barcelona. Bravo. Esta semana, efectivos doutro corpo de seguridade, a Policia Nacional, mallaban tamén sen xeito en mozos e mozas de entre 15 e 19 anos en Valencia polo “enorme” delito de sentar na rúa en protesta por non contar no seu instituto coas mínimas condicións para o estudo. Porque non tiñan calefacción vaia. Entre outras cousas. Así as cousas, se sumamos que a estas alturas o que queda do BNG pode preferir a extrema dereita como xeito do goberno a que o PP (sempre vixiado por concelleiros electos da súa formación) goberne en Cee, ou ao feito certo de que, en base a unha mal entendida legalidade o goberno galego, ou o nacional, ou o local, quen sabe, pode facer comigo o que lle parece oportuno, comezo a valorar con certo grao de seriedade algo impensable para un galego afectado polo “gen”. A fuxida. E partindo da base de que non me sinto nin son un galego “ao xeito”, un deses que necesita respirar galicia, comer un caldiño ó mes e dos que xura e perxura que como na casiña en parte ningunha (non, eu non son deses, non), partindo dese punto, si direi que me fastidia ter que pensar en marchar si preciso de conservar os meus valores e ideais. E digo mais, me fastidia ter que fuxir así, coas ordas da estupidez e o sin sentido máis obvio pisándome os calcaños. O do BNG non merece maior comentario que o dito por uns e outros, incapaces de facer entender a varios ignorantes supinos, que non pisaron Cee nin camiño de Fisterra e que o maior tempo que aquí estiveron foi un cuarto de hora (ou peor, que naceron aquí pero ignoran a propósito) que é preciso acordar para evitar a debacle absoluta, que mellor que Musolini sempre foi Churchill, que por moito que se considere, e eu o considero o primeiro, que o PP é un partido sectario, de dereitas e, ás veces, mesmo de máis aló, incapaz de condenar con claridade unha ditadura vergoñenta e lamentable, por moito que iso sexa dese xeito... hai cousas aínda peores. Peor é o xeito mafioso, clientelar e manipulativo dun modo de entender a política que ten máis que ver co caciquismo máis rancio que coas maneiras democráticas máis simples. Peor é ameazar a uns e a outros (comezando polo mensaxeiro), fuxir cara adiante a ver se somos quen de que a xustiza non nos alcance. Peor é deixar nas mans de alguén incapaz de recoñecer que se equivocou claramente as chaves da caixa, cando ten demostrado, segundo figura en sumario público dun proceso aberto, que gusta de meter a man na caixa (aínda que sexa na caixa B). Peor é dirixir un partido marxista de esquerdas e actuar ao ditado dun político de extremadereita sen remorso nin compaixon. Peor é pasarse polo forro as decisións democráticas dunha agrupación do teu propio partido e ir por aí querendo dar leccións... leccións de que?, de democracia? Ja! Hai cousas peores que ter que marchar da terra onde naceches. Vivir nela sen a máis mínima dignidade é unha delas. A outra é saber que o que manda esta imputado en sete delitos (y los que te rondare morena) e que non pasa absolutamente nada. Vale a pena mandalo todo a freir monas antes de que alguén con control sobre a policía decida “purgar” os elementos díscolos a sabiendas de que, se o cachan, sempre haberá alguén disposto a indultalo. Así son as cousas no lugar onde vivimos. Veremos.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios