xoves. 25.06.2026
El tiempo

O Festival Atlántica enche de historias lugares míticos da Costa da Morte

Maria da Pontragha e Don Guti
Maria da Pontragha e Don Guti serán dous contadores
O Festival Atlántica enche de historias lugares míticos da Costa da Morte

A Costa da Morte volverá formar parte do mapa de historias do XIV Festival Atlántica cunha programación que une narración oral, patrimonio e paisaxe. Do 26 de xuño ao 10 de xullo, o festival levará a palabra contada a espazos singulares da comarca, consolidando a súa aposta por converter lugares con memoria en escenarios para a creación contemporánea.

Vimianzo será unha das sedes destacadas desta edición. O Castelo de Vimianzo acollerá a primeira cita este venres 26 de xuño, ás 20:30h, “Donas do lugar”, da narradora María da Pontragha, unha proposta que afonda nas voces, relatos e lembranzas vinculadas ás comunidades e ao territorio.
O mesmo espazo recibirá tamén “Contos arredor do lume”, de Alba de Vales, nunha sesión dirixida ao público familiar. A cita será o mércores 1 de xullo ás 11:00h.

A programación de Vimianzo continuará no Castro das Barreiras coa presenza de José Luis Gutiérrez “Don Guti” e o seu espectáculo “Filandar”, nunha proposta que dialoga coa memoria ancestral e coa tradición oral. Esta será o domingo 5 de xullo no Castro das Barreiras, ás 20:30h.

A directora do Festival Atlántica, Soledad Felloza, destaca que “a función de María da Pontragha será a primeira sesión para público adulto do Festival Atlántica e, por tanto, marcará a inauguración desta edición. María é unha das grandes voces da narración oral galega e que, con humor, retranca e unha enorme capacidade para conectar co público, levará a Vimianzo un espectáculo perfecto para dar o pistoletazo de saída ao festival. No caso de Guti, cómpre salientar que é un dos mellores narradores da Península. Ademais, antes da súa actuación, Tito Concheiro, arqueólogo e director da campaña de escavación, guiará unha visita ao castro na que explicará as novidades e os achados desta nova campaña arqueolóxica. Unha magnífica combinación de patrimonio e narración oral”.

A relación entre narración e patrimonio será tamén protagonista noutras localizacións da contorna, mantendo unha das liñas características de Atlántica: recuperar espazos históricos, naturais e comunitarios para crear novas experiencias arredor da palabra.

Con esta presenza na Costa da Morte, Atlántica reforza a súa vocación de festival de territorio, demostrando que cada lugar conserva historias propias que poden volver ser contadas, compartidas e reinterpretadas.

Comentarios