Martes. 07.04.2020
El tiempo
08:19
26/10/12

A maioría silenciosa

A maioría silenciosa

Pasados xa cinco días dende a xornada electoral do pasado domingo, pasado xa o aluvión inicial e feitas as valoracións dos sisudos analistas, dos interesados, dos propios partidos e coñecidas as consecuencias nos perdedores (ningunha) e a análise sosegada e meditada do vencedor (ningunha tampouco), creo que merece a pena que faga aínda 4 consideracións precisas ao respecto de varias cousas que, tidas en conta ou non, merece a pena analizar con detemento.

1ª - O Voto bronca

Na Arxentina sóese chamar así ó voto en branco, nulo ou abstencionista que, nalgúns comicios do país suramericano, ten alcanzado ata o 65 por cento. O “voto bronca” na Galicia de 2012 ten varios pais, aínda que a min me gusta outorgarlle dous.

Por unha banda o voto en branco e nulo, o que acudiron nada menos que 0 3,30% dos votantes, 75.882 persoas nada menos que, conscientemente, decidiron non votar a ninguén ou amosar o seu malestar deixando unha restra simpática de improperios, fotos de franco ou lemas (do tipo “se nos teñen que dar polo cu que o faga un profesional” escrito enriba dunha papeleta do PP. Nulo, claro) Tamén quero sumar a esta cifra un movemento que non por novídoso en España é menos interesante incluír, a candidatura denominada “En Blanco” que como único argumento electoral expuña o de non cubrir os seus escanos no caso de non lograr ningún. Obtiveron 17.116 votos (1,19%). Aí queda iso.

2ª - O caso de Cee

En clave moito máis local, o caso de Cee. Certo xornal extrapolaba os datos autonómicos a eleccións locais, algo na miña opinión estúpido e reducionista ademais de inútil dado que non só non se presentan o mesmo numero de partidos senón que o condicionante persoal, en vilas que non superan ningunha os 10.000 habitantes, é básico e ineludible en calquera elección. Pero si hai algo de certo esta vez. Que os electores de esquerda en Cee votaron moito co corazón, coas tripas, e nada coa cabeza.

En Cee, Socialistas, Nacionalistas e CxG (representado na figura dos edís expulsados do BNG por ter sentido común e razoar) teñen moitas contas pendentes. Contas persoais pendentes. Si o PSOE en Cee necesita urxentemente unha refundación que implique eliminar das listas os “manchados” polo escándalo “Orquestra” a do BNG en Cee non é de menor calado. Persoas que en tempos mantiveron opinións encontradas agora, directamente, non se falan ou simplemente se insultan nas redes sociais. Así de simple.

AGE, partido sen substancia física máis aló de Beiras e da estrutura de EU en Galicia (inexistente na Costa da Morte) obtivo en Cee un resultado maior que en localidades cun superior numero de habitantes ou cun maior numero de votantes regulares ao BNG. Foi o particular “voto de castigo” de aqueles que consideraron que un partido que defende que un alcalde corrupto é mellor que un do PP vixiado polo BNG non merece apoio ningún.

Farían ben, nacionalistas e socialistas, en deixar de mirarse o embigo e comezar a revisar que é exactamente o que pasa nun lugar cando, en dous anos consecutivos, en dous comicios consecutivos, as principais forzas da esquerda perden dous terzos dos seus electores. Seguro que non é so culpa miña.

3ª - A abstención esquecida

A manipulación efectiva da abstención en Galicia resulta escandalosa a calquera que a vexa sen ollos sectarios ou partidistas. Votaron 1.467.657 galegos, si, pero é que a cifra de censados con dereito a voto (a real) xurdida da suma de votantes residentes aquí e no estranxeiro era de 2.696.513, e dicir, 320.296 persoas máis que as contabilizadas na noite electoral pola Xunta. Por que? Fácil. A Xunta non incluíu no calculo os residentes con dereito a voto (se abstiveran en votar ou non) senón só aqueles que solicitaron facelo. Dun plumazo, a abstención no estranxeiro (e un bocado estatístico da de aquí) desaparecía.

A broma deixa de selo cando un calcula a abstención real en base o numero real de electores. I é que, en realidade, a estas eleccións acudiron a votar o 54,42% dos votantes que podían facelo. Escasamente a metade. Un drama.

4ª - Nun país serio

O realmente triste de todo isto é o pouco ou nada que significa. Nun lugar serio, un goberno xurdido dunhas leccións onde participa escasamente a metade dos que poden facelo, e que dos votos emitidos non logra nin sequera a metade, non tería a insolencia de outorgarse a vitoria e constituír goberno.

Nun país serio, non como Galicia, un partido que logra o 24% dos votos non gobernaría con “maioría absoluta” porque a maioría é a metade máis un. Aínda que sexas de letras.

Nun país democrático un partido que perdese un terzo dos seus electores nunca aceptaría a un líder que non dimitise “ipso facto”.
Nin a dous cabecillas erixidos en non se sabe moi ben que a fronte dun partido nacionalista que se deixa a metade do seus electorado en catro anos.

Nun país serio non tería que ser un calquera coma min quen dixera todo isto. Os derrotados en tan clarísimas circunstancias terían dimitido despois de convocar sendos congresos ou asembleas, os partidos “de esquerdas” teríanse rexenerado e o de dereitas tería convocado eleccións, a ver se hai mais sorte é pode demostrar que, aló menos, 3 de cada 10 están de acordo con que volva gobernar.

Nun país serio, listas abertas, circunscrición única e equiparación dos votos ao porcentaxe obtido por cada forza (o sistema me da igual). Así de simple… e de democrático.

Novas relacionadas

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

comentarios