Domingo. 07.08.2022
El tiempo
09:30
09/05/12

Albarelo

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Albarelo

  • Cronoloxía: 1888 - 1889
  • Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Farmacia

Descrición

Os albarelos, (do italiano “albarello”), son botes de farmacia cilíndricos e con tapa. En Francia reciben o nome de “cañón” ou “bote de cañón”.

Eran usados para almacenar e clasificar os distintos productos, prantas medicinais e todas aquelas pócimas e brebaxes que constituían a farmacopea primitiva.

A relación entre a cerámica e a actividade do boticario foi moi importante, posto que surxiu a necesidade de conservar, o mellor posible, os preparados farmacéuticos en continentes adecuados, funcionais, e que fosen cada vez máis impermeables.
É significativo resaltar que para o farmacéutico, durante séculos, o botame e os útiles non só foron obxectos imprescindibles para a súa actividade, senón tamén un xeito de lucir a súa beleza, e, por extensión, a beleza da propia oficina de farmacia.

Os albarelos da antiga botica do Instituto son de porcelana branca, con varias cenefas douradas, e presentan na súa parte frontal a fórmula galénica, en latín, enmarcada nunha especie de coroa.
Chegaron aos nosos días un total de 33 albarelos de gran beleza e perfectamente conservados.

A antiga farmacia da Fundación

Foi no curso de 1887 - 1888 cando se instala no Colexio-Instituto da Fundación un botiquín.
Un ano máis tarde, a farmacia xa estaba dotada de todo o necesario para o seu correcto funcionamento.

Proseguindo na mellora do recinto farmacéutico, o 25 de xaneiro de 1890 a botica é declarada oficina pública e aberta, podendo acceder á mesma toda a poboación, posto que a vila carecía de farmacia, e deixando de estar así reservada, única e exclusivamente, para os empregados da Fundación e para os seus familiares.

O custe dos productos era gratuito para os traballadores da Fundación e para todo aquel que acreditase ser pobre, mentres que o resto pagaba polas menciñas módicos prezos.

A botica da Fundación, lamentablemente, tivo moi poucos anos de vida, posto que debido ao estalido do conflicto bélico entre España e Cuba, os responsables do Colexio viron reducidos drásticamente os recursos cos que contaban para o mantemento das Escolas e do Instituto, e así, no mes de abril de 1896 deciden, ademais de suspendela segunda ensinanza, pechala farmacia.

Co paso dos anos reanudaríanse os estudos de segunda ensinanza, pero a botica que tanto proveito lle dera á vila de Cee e a comarca, nunca voltaría a brir as súas portas.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

comentarios