Venres. 26.04.2024
El tiempo
10:28
30/09/11

Apatía

Comezo estas liñas de hoxe con dúbidas. Non sei moito sobre que escribir nin que dicir. Estou apático. Penso que a estas alturas me podo permitir días así. A fin de contas, diante da dúbida eterna un non cre que sexa máis nin menos que ninguén.

Levo días dándolle volta a unha situación. Unha realidade vinculada a un rasgo de vida diaria que me dediquei a analizar esta semana. Resulta que vivimos nun tempo de apatía e, porque si, determinadas seguridades deixaron por arte de maxía de existir.

Resulta que ser de esquerdas xa non implica, por exemplo, dimitir. Resulta que agora dimitir é de dereitas. Tampouco é de esquerdas preguntar. Lembro o Maio do 68 polos libros de historia, cheo de preguntas. Vexo con interese como filósofos e pensadores ocuparon de inquisidor sentido do cuestionamento liñas e liñas, follas e follas de libros dedicados ao porque?. Desde o estado do benestar ata a obriga do respeto a lei e os canons sociais. Por que?. Agora preguntar xa non é de esquedas i está mal.

Agora está mal querer saber por que pasan as cousas. E non se discute o contexto, se discute a capacidade, o “dereito” a prantexar as preguntas. Dame medo preguntar, pero eso non é o peor. O peor é que non vexo que a ninguén lle preocupe demasiado que esto sexa así.

Vexo a moitas persoas preocupadas en chorradas mentres por diante deles pasan graves contradicións. A última admisión no prestixioso club da “Orquestra” afirma que agarda a falar co xuíz para tomar unha decisión sobre o seu futuro político. Vale. E se dimite?... se dimite que ou quen lexitima ós demais nos seus cargos? As eleccións?. A disidencia consentida dun fato de ignorantes e vendidos?

A liberdade de expresión deixou de ser de esquerdas. Agora, neste tempo tan difícil de entender que nos tocou vivir, cada quen ten un “muro”. Un balado virtual no que expresarse, máis privado ou máis público, onde, aí si, poder dicir o que lle pete sen medo. A liberdade xa non é compartida. É privada e solitaria. Importa?. En absoluto.

Como queira que sexa a esquerda mutou en dereitas e aqueles que sairon a defender o dereito a libre expresión, a responsabilidade política e a loita contra o sectarismo mudaron en intolerantes, admiten o silencio complice dos cargos públicos diante da ignominia da presunción delictiva e prefiren o sectarismo ao goberno consciente dos cidadáns libres e implicados no goberno popular.

Apatía. Ou simplemente ausencia. Será que lle poñen algo a auga. Ou será que todo dá igual. A fin e ó cabo, só se trata de preguntas incómodas de difícil resposta. Só se trata de cartos públicos. Non terán dono. Será iso.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Verdades anteriores

Comentarios