Domingo. 15.09.2024
El tiempo
09:17
01/06/15

As cartas do Avó Pascasio: O repouso do "Centrojás"

As cartas do Avó Pascasio: O repouso do "Centrojás"
Obdulio Jacinto Varela o Centrojas heroe de Maracana

Moi querida neta Cristina:

Escribo para comentarche que na nosa última reunión apaixonámonos nun lindo debate sobre o vello tema do fútbol profesional e os seus dirixentes. O recente escándalo na FIFA é o comezo dunha tardía limpeza que se veu pospoñendo porque os afanancios nunca se conforman coas grandes coimas que se levan. Fai anos que a famosa FIFA actúa de forma autoritaria. Non respecta ningunha normativa interna ou externa. É unha asociación que se foi distanciando da realidade deportiva a medida que ían aumentando os seus beneficios económicos.

Preguntaraste a razón de que uns xubilados celestiales se rompan o mate cos problemas do fútbol internacional. Acá temos moito tempo libre. Sentímonos útiles ao abordar calquera asunto que afecte á vida das nosas familias no Río da Prata. É evidente que unha simple pelota move nacións e paixóns. A vos quixéronche pitar un penal. O “Clan do Clarinete” quería seguir na cancha coa papita rica da trasmisión de partidos pero metícheslle un golazo ao democratizar os dereitos televisivos.

O noso asesor deportivo é o goleador Manuel Seoane. Vós de fútbol non sabes moito pero creo recordarás a súa gran traxectoria no Club Atlético Independente. Como nobre fillo de emigrantes galegos nado en Piñeiro puxo toda a súa calidade humana ao servizo dos “Rojos de Avellaneda”. Seoane é o pioneiro dunha estirpe de xogadores que se metían pola esquerda e centraban pases medidos ao centro da olla. O noso compañeiro tróuxonos a un invitado especial para intentar desvelar a escura matufia asociativa que controla o fútbol mundial. Trátase do escritor Osvaldo Soriano, autor da famosa frase de: “Eu nunca me metín en política: sempre fun peronista”.

O compañeiro Seoane informounos sobre as obras que escribiu Osvaldo Soriano á vez que fixo unha pequena introdución persoal: Os xogadores queremos xogar. É obvio. Gústanos estar na cancha para gañar e ser campións. Os dirixentes teñen moito laburo. Non é fácil o manter un club ben administrado. O problema xorde cando os dirixentes non senten as cores”. Se se xuntan media ducia de “truchos” para facer “guita” xa non estamos falando de fútbol. Ben, o mellor é que escoiten ao profesor Soriano que nos aclarará moitas dúbidas coas súas sabias reflexións.

A continuación resúmoche uns anacoos do que dixo na hora e media que durou a intervención de Osvaldo: “Vostedes esperan que lles fale do interior administrativo dun club de fútbol. Non podo facelo. O mundo empresarial e a burocracia deportiva é algo estraño para o meu. Eu son máis de tomarme un matecito vendo antigos partidos nos que o Diego os bailaba a todos. Dito isto, creo entenderán que a actual foda na FIFA vén de lonxe. É o resultado de levar aos malandras locais a postos de mando nunha luxosa oficina en Suiza. Espero non aburrilos cun relato que escribín alá polo mes de xullo de 1972. Vouno a ler. É a miña humilde homenaxe á máis grande personalidade do fútbol mundial de todos os tempos. Non esaxero nada. Estou falando, estimados señores, do heroe de Maracaná. Pídolles un forte aplauso para don Obdulio. Moitas grazas”.
Agora pídolles poñan atención. Escoitarán a alma dun ilustre uruguaio que chegou á máxima gloria deportiva en base ao cumprimento do código ético do seu nobre corazón de honrado montevideano.

A verdade, Cristina, sorprendeunos. Pensamos que Osvaldo ía centrarse na crítica directa aos dirixentes da AFA. A seu mención a Obdulio Jacinto Varela abriunos a mente a unha reflexión que vai máis aló do fútbol. Cando terminou aplaudímolo moitísimo. Por medio de Obdulio fíxonos ver que non hai maior forza que a integridade moral que levan algúns seres humanos no seu sangue. Quedáronnos gravadas unhas palabras do gran “centrojás”: “Si agora tivese que xogar outra vez esa final, fágome un gol en contra, si señor. Non, non se asombre. O único que conseguimos ao gañar ese título foi darlle lustre aos dirixentes da Asociación Uruguaya de Fútbol. Eles fixéronse entregar medallas de ouro e aos xogadores déronlles unhas de prata Vostede cre que algunha vez acordáronse de festexar os títulos de 1924, 1928, 1939 e 1950”. Nunca

Despídome, quédanche uns meses ao timón do país e non tenés posibilidade de recuperar para o Estado ”aqueles que son dereitos dunha organización como a AFA” en acertada expresión de Roberto Cabaleiro. O próximo goberno que esperamos sexa do “FpV” deberá de limpar toda esta porquería. Recibín o abrazo do avó que cada día aplaude con máis forza o bo desempeño da súa neta campioa.

- Pascasio Fernández Gómez.
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios