Xoves. 25.04.2024
El tiempo
08:22
10/09/13

As cartas do avó Pascasio: Os números cantan

As cartas do avó Pascasio: Os números cantan

Moi querida neta Cristina:

Queríache comentar o orgulloso que me sento cando nas nosas reunións tratamos temas relativos á economía arxentina. Me tenés que entender, son o único gayego do mundo emigrante cunha neta á fronte dun país. Así que é normal que infle o peito ao escoitar os positivos comentarios dos compañeiros da agrupación "Cristina da Fonsagrada" ao analizar diferentes informes técnicos sobre o aumento do poder adquisitivo dos cidadáns arxentinos. Dise que "os números cantan". Os avós, por experiencia, podemos corroborar que é unha gran verdade. Ata o máis anti-peronista acepta que os números que tiñamos no 2003 non son os que temos no 2013.

Acá, na nosa querida terra de acolleita, sucede algo que nos fai recordar aquilo que dicía o presidente Lincoln sobre que "a xente é capaz de ser feliz só cando abre a súa mente". Que o país avanzou nunha década, é un dato obxectivo que non admite dúbidas. Este dato fai felices a millóns de arxentinos que teñen a súa mente aberta a unha nova realidade na que se están facendo esforzos para acurtar distancias entre os niveis de renda dos 40 millóns de habitantes que máis ou menos temos. Pero hai tamén varios millóns que son infelices. Son os que manteñen pechada a súa mente. Veno todo negro e viven puteando constantemente ao goberno aínda que a súa economía particular mellore.

Mentres dous máis dous sexan catro, creemos que haberá que meterse no bocho o seguinte: entre 2003 e 2013 o salario mínimo pasou de 200 a 3300 pesos [multiplicación por 13] e a xubilación mínima pasou de 220 a 2477 pesos [multiplicouse por 11]. Si estudamos a capacidade adquisitiva ou poder de compra, entón vemos que os salarios e as xubilacións triplicaron a súa poder de compra con respecto a unha ampla variedade de produtos e servizos. Un exemplo moi clarito observámolo nos alugueres. Si no 2003 un pibe ou unha piba laburadora querían alugar un departamento de dous ambientes en Boedo ou Flores necesitaban dispoñer dun salario mínimo e medio. Agora arránxano con tres cuartos do seu salario.

Xa que falamos do barrio de Boedo aproveito para explicarche o que significa. É unha palabra moi común no mundo rural. En miles de aldeas hai un "boedo" e a súa etimoloxía é latina. Vén do nome dunha herba que crecía en terreos moi húmidos ou pantanosos á que os conquistadores romanos chamaban budum. Acá tes outra herdanza máis da nosa cultura en terras porteñas. Non me acordo si cando eras chiquita che falei dos alegres paxariños que revoloteaban pola miña aldea fonsagradina de Manzaneda. Dígocho porque me acordei de Merlo, outro nome gayego que nos permite xogar cun título para un texto ou poema que fale dos dous barrios: Un "merlo" no "boedo" ou O "merlo" canta no "boedo".

Os avós comparamos os salarios do noso tempo e os actuais. Aclároche que sen caer no erro de recordar o pasado como un tempo sempre mellor. É evidente que antes un peso era un peso pero o consumo era tamén reducido en canto a posibilidades. Aforrábas moita guita en facturas de telefonía móbil. Si era un luxo o teléfono fixo, podes imaxinar que agora cando miramos para abaixo quedamos moi asombrados. Sexa pola avenida Córdoba ou por Correntes, todos van camiñando con algún aparello na orella. Estás comunicado, sen dúbida, pero tes que bancar un lindo gasto mensual. Hai un exemplo moi indicativo de mellora. Referímonos a dous alimentos: o asado e o leite. No 2003 comprabas 31 quilos de carne e agora 78,5. Antes comprabas 167 litros de leite e agora 446. Bueno, Cristina, é unha pena que aínda que os números canten ---coma se de Gardel tratásese--- siga habendo cidadáns que se fan os xordos.

Ben, téñome que despedir. Dentro dun ratito empeza unha reunión especial na A.C.E.R. para tratar o tema dos incendios forestales na nosa vella terra galega. É unha sorte que a miña parroquia de San Pedro de Neiro quede a salvo do lume devastador e que o teu cachito de monte en herdanza mantéñase llenito de fortes castaños. Recibide un abrazo do vello emigrante que cada vez se acorda máis do día do seu glorioso desembarco no porto de Bos Aires.

- Pascasio Fernández Gómez.


  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios