Venres. 29.03.2024
El tiempo
11:11
30/08/12

Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais

Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais
Aínda que xa tiña noticia das súas actividades pola prensa e algunha que outra publicación sobre o cooperativismo e o mundo agrario, penso que coñecín persoalmente a D. Avelino Pousa Antelo a finais do ano 1976. Por esas datas concedéranme o Premio Pedrón de Ouro de Etnografía (polo que despois sería o meu primeiro libro: Bamiro. Un estudo do hábitat rural galego; 1977) e Avelino, como directivo que era desta entidade galeguista, acudiu ó acto de entrega no Colexio Público Labarta Pose de Baio o 11 de decembro de 1976. Fómonos vendo de cando en cando en actos culturais múltiples, que el frecuentaba xunto cos seus amigos do Pedrón, particularmente Gustavo Santiago Valencia primeiro, e logo Fernández Abella e/ou David Otero máis tarde. É imposible lembrar algunha circunstancia especial deses numerosos actos que tanto o facían feliz, pero quen queira ter unha visión de parte da súa longa e frutífera vida, recomendo a lectura do libro de Amancio Liñares Giraut, Conversas con Avelino Pousa Antelo (Ediciós do Castro, 1991). Tanto don Avelino coma eu viñemos residir ó concello de Teo haberá case case trinta anos, e iso motivou que mesmo o teña acompañado a algún que outro acto, como o que se celebrou en Vigo en homenaxe a Neira Vilas e ó seu libro Memorias dun neno labrego. Na Casa das Palabras desta cidade presentábase un libro colectivo no que tanto Avelino coma eu tiñamos colaboracións (“Neira Vilas das miñas lembranzas”, era a del). Teño para min que foi a principios do 2009, cando o xa presidente Núñez Feijoo empezara cos seus traizoeiros ataques á lingua galega e eu preguntaba, nun artigo xornalístico, se a Xunta, ó tempo que desprotexía o idioma, se non obrigaría tamén a que os Balbinos lle tivesen que ceder o asento ós Manolitos no bus escolar (Galicia Hoxe, 8-6-2009). Pero as lembranzas máis íntimas e humanas téñoas de cando o levei a falar, en dúas ocasións, ó meu antigo e caro IES Antón Losada Diéguez da Estrada para o alumnado de 2º de Bacharelato. A proposta era arriscada, pois un señor de máis de xa noventa e catro anos tiña que entreter durante unha hora, contándolles (nunca mellor dito) “batallitas” da época da II República e da Guerra civil a alumnos e alumnas de 16 ou 17 anos. Conferenciantes ben máis novos e dinámicos teñen perdido a paciencia en circunstancias semellantes. Avelino empezou narrando como coñeceu a Castelao e se fixo galeguista (escoiteillo narrar centos de veces, pero, coma a doutrina, era para que se aprendese de memoria), a súa entrada nas Mocedades Galeguistas e a súa participación na campaña a prol do Estatuto Galego. Logo veu a rebelión militar do 36 e a guerra. Para librarse das delacións e persecucións dos falanxistas de Negreira, preferiu, coma tantos outros demócratas, apuntarse no exército franquista e ir á fronte, onde estaba máis seguros que na súa casa. Como por nada quería disparar un fusil, cando pediron un chófer para unha rudimentaria ambulancia de campaña non dubidou en anotarse, aínda que non sabía conducir ben de todo: non sabía meter a marcha atrás e procuraba aparcar en sitios amplos para non ter que manobrar. Unha das cousas que máis engaiolou os estudantes foi a súa relación coas madriñas de guerra; unha forma de ligar semellante á do “chateo” actual por ordenador, só que por carta. Entre os soldados era costume escribirse con mozas para recibir delas roupa ou comida, e así foi que el, moceiro como era, tivo un número elevado de madriñas, e tratábaas segundo as súas tendencias: se eran beatas, a maioría, el era aínda máis; e as que eran máis “picantonas” (expresión propia del), pois aínda lle daba máis picante. O peor foi que os oficiais empezaron a sospeitar do seu éxito coas féminas e, co aquel da censura previa, intervíronlle as cartas e acabáronlle co negocio cruzándolle as misivas: as picantonas foron para as beatas e as destinadas a estas para as do picante (¿Cómo sería aquel “picante” da zona nacional dos anos da Guerra?). Non fora este o único tema, pois tamén falou dos amigos mortos ou perseguidos, da súa traxectoria como mestre da Escola-Granxa de Barreiros ou a súa marcha a La Orotava (Tenerife) e a súa estadía en Zaragoza. En suma, que a hora prevista para a charla pasou nun suspiro a hora e media, e menos mal que o timbre avisou ás 2,25 para coller o bus e ir xantar. Levei dúas veces a Avelino á Estrada, e xa non quixen abusar. Nunha delas (23 abril de 2008), un grupo de alumnos, afeccionados ás novas tecnoloxías, liderados por J. Cespón, gravaron por propia iniciativa toda a conferencia: ¡máis de 80 minutos con don Avelino ó seu aire contando boa parte da súa vida! Faciliteille logo unha copia ó propio galeguista, pero se hai algunha iniciativa para renderlle en breve unha merecidísima homenaxe, poño este estupendo documento á súa disposición.

Artigos de Lema Suárez en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios