Venres. 29.05.2020
El tiempo
07:45
13/07/12

BCE

Hai moito de traxi-comedia nos últimos acontecementos ao respecto da “feira” sen fin na que esta banda de delincuentes (mal chamados gobernantes democráticos) nos teñen sumerxidos. O máis triste pasa polo evidente do fraude pero, para algún dos moitos ignorantes que nos rodean van as miñas liñas de hoxe.

Ler é a maior das bondades que os meus proxenitores, mestres e ensinantes me ofreceron. Nunca poderei agradecer suficiente ter este don (si é un don, que cada vez penso máis que si). Ler non é so xuntar letras, é moito mais. Ler é discernir, comparar, entender e contrastar. Ler é aprender, saber sen memorizar, integrar, asimilar. Non todo o mundo que xunta letras sabe ler. Por iso nos mangonean. Por iso nos putean a vontade.

Andrew Jackson foi presidente dos Estados Unidos do 1829 ao 1837. Membro do partido demócrata, unha das suas teimas principais pasou pola figura do “Banco nacional” que pola época a elite comercial e financieira do país lle reclamou. E de Jackson, liberal convencido (de verdade, non como Esperanza Aguirre) me quedo cunha frase que nestes días lembro asiduamente, di así;

”Non constitúe un perigo para a nosa liberdade e independencia a existencia dun banco que ten tan pouco en común coa nosa nación? Non representa o mesmo unha causa de temor si pensamos na pureza e na paz do noso proceso democrático e na independencia do noso país na guerra? O ter control dos nosos cartos, o recibir cartos públicos e manter a milleiros dos nosos cidadáns nun estado de dependencia, sería peor e máis perigoso que calquera inimigo militar ou naval.”

Aí queda iso. 1841.



Non sabía Jackson quen ía ser Mario Draghi.

Este italiano de 65 anos é a punta do iceberg manipulatorio dos mercados financieros e a alta política sobre a cidadanía. Draghi era vicepresidente de Goldman Sachs cando asesoraron ao goberno grego sobre cómo falsear as suas contas. Agora preside o BCE. A súa elección coma máximo responsable das finanzas practicas na UE rompeu unha xeira de eleccións claramente marcadas pola dicotomía da Unión, a saber; O que digan Alemaña e Francia é o que vale e o resto son bobadas.

Despois de décadas de presidentes do BCE ou ben alemáns ou ben franceses, aparece Draghi. Por que? Porque a el non o nomea nin Alemaña nin Francia. O nomea o capital, que non sabe de bandeiras máis alo das que aparecen nos billetes de euros ou de dólar. Draghi esta aí para facer un traballo. Obrigar ao maior numero de estados a pasar polo aro do control imperial dese capital. Custe o que custe.

Dado que non sabemos ler todo isto que eu conto e que esta ao alcance de calquera, carece de valor real para a maioría. A maioría cre, coma escoitaba este día facendo cola nun establecemento, que “este de agora pouco pode arranxar en 7 meses, con todo o que desfixo o outro”, para en cuestión de minutos pechar a sesuda reflexión cun “é igual, son todos polo estilo”.

Profundo.


En cuestión de meses en Galicia, despois de perpetrado un golpe de estado incruento do que dende aquí culpo, de consumarse, a goberno e oposición en bloque, con clara dirección do PP e aceptación case tacita do PSdeG-PSOE, celebraranse eleccións autonómicas. Feijoo pretende perpetuarse no poder a base de reducir deputados, algo que me gustaría si significara aforro de carto publico. Pero, dado que isto non é así e o único que o golpista Feijoo persegue é conservar con un numero moi inferior de votantes o mesmo apoio na cámara que ostenta agora, digo con claridade que a operación non é mais que un golpe de estado mariquita. O mesmo que Franco fixo no 36 pero so en Galicia e sen pegar un tiro. Ou case.

Alguén pode crer que isto que digo é grave. Tildar de golpista a un santo varón, entregado servidor público e tal… xa. Eu penso que é ben máis grave tomarlle o pelo o país enteiro e dicir que, ademáis, a culpa é da herdanza recibida. O malo é que alguns sabemos ler. Mal e pouco, pero sabemos.

Sabemos ler que o Código Penal di, no seu artigo 581 e ata o 604 do título XXIII o que se considera e tipifica como delito de Alta Traición. O artigo 589 en concreto di que "O que publicara ou executara en España calquera orde, disposición ou documento dun Goberno extranxeiro que atente contra a independencia ou seguridade do Estado, se opoña a observancia das suas Leis ou provoque o seu incumprimento, será castigado coa pena de prisión de un a tres anos."

Por exemplo, quen acepte sen rechistar de "un goberno extranxeiro" unha "disposición que atente contra a independencia ou seguridade do estado" está cometendo un delito. Por resumir, quen acepte de Alemaña, de Francia ou de Draghi ordes imperativas que "se opoñan a observancia das leis ou provoquen o seu incumprimiento" esta cometendo un delito de alta traición.

Para isto serve saber ler. Esto o ensinan na escola, mestres que están que agora están no paro e con libros que moitos xa non poden mercar co IVE ao 21% para o material escolar.

A fin e o cabo se trataba disto. Mellor se non sabemos ler. Total, para que precisa un peón de albanel saber ler?. Para votar?...ilusos.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

comentarios