Venres. 19.04.2024
El tiempo
18:00
21/03/12

Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812

Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812

O 19 de marzo cumpriuse o bicentenario da promulgación da Constitución de 1812, a primeira de todas as españolas. Este ano haberá en Cádiz e noutro lugares actos conmemorativos. Esta celebración dános pé a lembrar a lembrar a dous personaxes, dous cregos, nacidos os dous na Costa da Morte, que hai douscentos anos mantiveron coas cortes gaditanas e co seu resultado máis produtivo –a Constitución- relacións ben distintas, pois mentres un tivera a sorte de ser convocado a elas (e, non obstante, acabou buscando adaxos para ausentarse delas), o outro laiábase de non ser elixido para participar nelas.
En 1810, coa maior parte do territorio español ocupado polas tropas francesas, a Xunta de Rexencia convocou a Cortes en Cádiz, o lugar máis arredado dos invasores, protexido pola escuadra británica. O Reino de Galicia enviou 25 deputados, sendo un deles José Mª Suárez Rioboo, natural de Sto. Estevo de Goiáns (Carballo) e párroco de Berdeogas e Berdoias desde 1780; ignoramos os seus méritos, pois non consta que tivese o máis mínimo protagonismo na resistencia contra as tropas francesas desprazadas o ano anterior á Costa da Morte, e iso que as terras das súas parroquias por forza tiveron que ver o paso das partidas populares do seu colega o ‘xeneral’ Lapido, párroco do Ézaro (tiveron o cuartel xeral en Paizás, Cambeda). Quizais a súa elección fose debida a que o ano anterior fora nomeado arcipreste de Nemancos.
Polo historiador Barreiro Fernández sabemos que unicamente asistiu á primeira sesión das cortes gaditanas o 24 de setembro de 1810, pero o 23 de novembro xa estaba solicitando licenza para volver á súa terra por asuntos persoais. Unha vez aquí, en maio de 1811 pediría unha prórroga para permanecer na súa casa reitoral de Berdeogas por motivos de saúde. Xa non retornaría a Cádiz nin xuraría a Constitución, pois o 18 de marzo de 1812 consta entre os vinte deputados ausentes. “Por conseguinte –engade Barreiro-, foi un deputado honorífico, pois non consta que permanecese máis de un mes nas Cortes . Coma un mal presaxio, Suárez Rioboo inaugura a nómina de deputados galegos nas Cortes españolas que, ou ben non asisten ás súas sesións, ou permanecen ‘caladiños’ nelas sen defenderen a xurisdición pola que foron electos.

O outro sacerdote, Juan Antonio Posse Varela, natural de Soesto (Laxe), rexentaba en 1810 a parroquia de San Andrés de Rabanedo (León). Aínda que simpatizaba coas ideas da Revolución francesa, opúxose á invasión napoleónica. Intentou asistir como deputado por León ás Cortes, pero non o elixiron a el, senón a un crego absolutista. Non obstante, saudaría laudatoriamente o texto constitucional cun famoso Discurso lido ante os seus fregueses leoneses o 29 de novembro de 1812; a Constitución proclamaba a igualdade e recoñecía as liberdades, fronte ó despotismo monárquico e ó feudalismo, e tamén abolía a Inquisición. Os liberais leoneses publicaríanlle o seu discurso apoiando a Constitución en 1812 e os coruñeses en 1813, e por esta loanza e as súas ideas sufrirá persecución durante o reinado de Fernando VII (1814-1833), dado que ste infausto rei volverá ó absolutismo. A historia negáralle a Posse a acta de deputado nas Cortes que lle outorgara a Suárez Rioboo, quen, non obstante, desaproveitou a oportunidade de figurar entre os pais da primeira das constitucións españolas. Iso nunca sucedería con Posse, pois o de Soesto era todo un animal político; proba diso é o opúsculo (a chamada «Plática Tercera», atopada hai uns anos na súa casa familiar, a Casa Vella) que publicaría en 1838 analizando criticamente a Constitución de 1837, análise tan certeira que asinaría calquera historiador dos nosos días cos ollos pechados.  

Artigos relacionados

Máis novas relacionadas

Fonte

Comentarios