Bomba Aspirante-Impelente
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Bomba Aspirante-Impelente

- Fabricante: G. Fontaine (París)
- Cronoloxía: 1890 - 1891
- Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Pneumática (Mecánica de gases)
Descrición e funcionamento

As bombas son as máquinas que se empregan para elevar a auga por aspiración, por presión, ou por ambos efectos combinados, de aquí a súa división en aspirantes, impelentes e aspirantes-impelentes. Atribuíase, en épocas anteriores a Galileo, a ascensión da auga nas bombas aspirantes ao “horror da natureza ao vacío”, pero dito fenómeno é un simple efecto da presión atmosférica.
Esta bomba aspirante-impelente adopta a chamada "forma francesa".
Está formada por unha base de madeira sobre a que se ergue un soporte vertical plano, tamén de madeira, que sustenta o mecanismo da bomba. Consiste nun émbolo vertical, colocado no interior dun cilindro de vidro, e movido por unha panca lateral. A parte inferior do cilindro leva dous conductos metálicos: un mergullado na cubeta para a succión do líquido e outro de comunicación cun depósito de aire de forma cilíndrica, de vidro, situado ao mesmo nivel que o émbolo. Os dous conductos levan válvulas opostas, nunca abren ou pechan á vez.
Pola parte superior do depósito de aire sae un conducto metálico vertical e recto que, no extremo superior, cúrvase para verter o líquido nun vaso de vidro que comunica novamente coa cubeta. Este aparello emprégase para a demostración dos principios nos que se basean as bombas que combinan as propiedades aspirantes e impelentes.
Cando se eleva o émbolo macizo, ábrese a válvula que comunica co tubo de succión e énchese de auga o corpo inferior da bomba. Ao baixar o émbolo esta válvula péchase, ao tempo que se abre a que comunica co depósito de aire, permitindo que a auga contida na parte inferior da bomba pase ao depósito.
Este modelo de bomba é tamén chamada de dobre efecto, xa que o depósito de aire permite unha saída de líquido constante. Na bomba aspirante-impelente normal, o líquido só sae cando se baixa o émbolo, interrumpíndose cando se levanta.
Este instrumento basea o seu funcionamento nos efectos da presión atmosférica, do mesmo xeito ca outros aparellos como as fontes intermitentes ou sifóns.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Novas relacionadas
- Novedosas becas da Fundación e o IES Fernando Blanco.
- Máis escolares de Cee que coñecen o seu pasado.
- Un museo para 125 anos máis.
Artigos sobre Fernando Blanco de Lema
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I).
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (II) – O testamento.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (III) – O traslado dos restos mortais a Cee.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) – Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco.
- A Guerra da Independencia na vida de Fernando Blanco de Lema.
Outros artigos de Darío Areas
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).