Sábado. 20.04.2024
El tiempo
08:30
20/06/12

Caliza con Ammoniteds Nodotianus

Caliza con Ammoniteds Nodotianus

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Caliza con Ammoniteds Nodotianus

  • Lugar de compra: Casa de Material Científico Emile, Deyrolle (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Datación: Xurásico Medio (186 a 164 millóns de anos)
  • Orixe: Andelot-Blancheville (Francia)
  • Clasificación: Obxectos educativos / Historia Natural / Sección: Fósiles

Os Ammonites

  • Clasificación científica: Filo (Mollusca);
  • Clase (Cephalopoda);
  • Subclase (Ammonoidea);
  • Orde (Ammonitida).

Os Ammonites son unha subclase de moluscos cefalópodos extintos, parecidos o Nautilus actual, que poboaron os mares dende o Devónico (Paleozoico) ata o Cretácico (Mesozoico), desaparecendo ao final deste período, fai 65 millóns de anos. Grazas a súa rápida evolución e distribución mundial son fósiles excelentes para a datación de rochas (fósil guía).

Son un grupo de animais protexidos por unha cuncha única, moi longa, e xeralemente enrolada nunha espiral plana, podendo medir dende só algúns milímetros, ata especies xigantescas que acadaron máis de 3 metros. A cuncha tamén estaba ornamentada cunha serie de costelas transversais que podían ser finas ou grosas, ou unha mestura das dúas. Moitas destas cunchas tiñan espiñas ou tubérculos que a adornaban, servíndolles tamén para defenderse. A forma da cuncha e o tipo de ornamentación (sutura de tabiques) constitúen un importante carácter para a clasificación. A cuncha posúe varias cámaras internas pequenas e unha grande, chamada cámara habitación, onse se aloxa o animal. A medida que o animal medra vai creando novas cámaras, polo cal cada cámara representa un estado de crecemento do animal.

Todos os ammonites son mariños (o que explica a súa gran dispersión xeográfica), e debían flotar e nadar por encima das plataformas continentais ou arrastrarse sobre os seus fondos.

Despóis dun declive na súa diversidade durante o Cretácico Superior, os ammonites extinguíronse ao mesmo tempo ca outros xéneros mariños como os belemnites, e algúns grupos terrestres como os dinosaurios.

O presente exemplar foi recolectado na localidade francesa de Andelot-Blancheville, e está datado no Xurásico Medio (Dogger), o cal abarca entre os 186 millóns de anos e os 164 millóns de anos.

A colección de fósiles da Fundación

Pertencía esta colección ao gabinete de Historia Natural da Fundación, e ao igual que o resto das coleccións deste gabinete, foi mercada en París, na casa de material científico Emile Deyrolle, no curso 1890 - 1891.

Orixinalmente a colección de fósiles contaba con 500 exemplares, seleccionados por estar considerados, nesa época, representativos dos diferentes periodos de formación.
Na actualidade consérvanse 458, aínda que expostos no Museo hai tan só 16, estando a maior parte deles gardados no vello Instituto.

Dende o principio do século XIX, os catedráticos de ciencias reclamaron a presenza de fósiles nos centros educativos, para que serviran como complemento necesario no ensino da Xeoloxía e da Paleontoloxía.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios