![Image Image]()
A Editorial Everest vén de sacar, aínda hai poucos meses, unha colección de libros, que pretende lanzar unha ollada ós clásicos por escritores e escritoras contemporáneos. Amais diso, cada libro debe responder a varias seguintes características. Primeiro, compartir en páxina aberta texto e imaxe; son, polo tanto, libros creados a dúas mans: as dun escritor/a e as dun ilustrador/a.
Segundo, rebuscarán no mundo creativo do clásico que se pretende revisitar e escribiranse tantos textos como letras ten o alfabeto galego (50 letras, 50 textos e ilustracións); cada letra lembra un mundo temático dese clásico.
Terceiro, serán pequenos libros para todas as idades, pero sen descoidar que os máis novos poidan ser os lectores dos mesmos. E, por último, á parte dos textos e ilustracións que conforman o groso do libro, en apéndice aparece un glosario explicativo (Voces de...) no que se xustifica a escolla temática de cada texto.
Hai algo curioso na xeira de libros que Everest leva publicados ata agora. Os contemporáneos que revisan os nosos clásicos ben son autores da Costa da Morte, ben teñen un vínculo moi especial con ela. Se botamos unha ollada ós seus títulos, vemos que
Do A ao Z con... Pondal foi escrito por Xoán Babarro mestre, en tempos, por estas terras.
Do A ao Z con... Rosalía é obra da dona do anterior, Ana María Fernández. Ambos son considerados autores da Costa da Morte e como tal foron homenaxeados por Monte Branco nunha xornada das Festa das Letras de maio.
Do A ao Z con... Novoneyra xurdiu da man de Chisco Fernández Naval, ourensán do cal moito saben as xentes das terras de Carnota.
Do A ao Z con... Castelao e
Do A ao Z con... Neira Vilas naceron nas areas da Xunqueira, da man de Concha e María. Todo isto é mostra do potencial creativo que tanto abunda por estas ribeiras.
Concha Blanco Blanco foi (e será) sempre un referente para a cultura galega desde a Costa da Morte. Grazas ó seu maxisterio docente, das súas aulas saíron poetas e poetisas que máis tarde chegaron a constituír o Batallón Literario da Costa da Morte. E como escritora forma parte do elenco de persoas que puxeron a andar a literatura infantil e xuvenil neste país. Sobra aquí mentar as ducias de títulos que, escritos por ela, enchen un dos catálogos máis importantes da cultura galega.
Concha Blanco, xunto co ilustrador Manuel Cráneo, son os responsables de
Do A ao Z con... Castelao. Se cada Do A ao Z presenta as súas dificultades de interpretación dos mundos creativos orixinais do autor, o presente, por culpa da inmensidade humana e creadora do clásico “revisitado”, a aventura tórnase en risco. ¿Quen pilla esa mosca polo rabo? O Castelao político, o Castelao narrador, o Castelao dramaturgo, o Castelao debuxante, o Castelao Castelao.
Concha Blanco afrontou con man firme, con valentía, ese perigo e legounos un percorrido polo mellor Castelao. Así, transita os espazos biográficos máis salientables do caricaturista: Arxentina, Santiago, Pontevedra, Nova York, Rianxo e Galiza. Lembra a súa parella vital, Virxinia, e o fillo de ambos: Afonso. Lévanos ás súas creacións literarias máis destacadas: a obra teatral
Os vellos non deben namorarse, As cruces de pedra na Galiza, Un ollo de vidro, Retrincos, Os dous de sempre. Non esquece a pegada dos álbums ilutrados que con brevidade e sutileza retrataron a alma da Galicia de pre e posguerra:
Cousas da vida, Cincuenta homes por dez reás, Nós. E como non, salienta ideais polos que loitou durante toda a súa vida Afonso Daniel: a Xustiza.
Polo tanto, Concha Blanco, cunha magnífica agudeza creativa ofrécenos en
Do A ao Z con... Castelao unha viaxe biliográfica obrigada para quen, desde aquí e desde o presente, queira percorrer os mares temáticos dun dos máis grandes creadores galegos do século XX.
A elaboración do libro
Do A ao Z con... Neira Vilas, textos de María Canosa e ilustracións de Noemí López, tamén debeu transitar por momentos tremendamente tenebrosos, porque, primeiro, é un libro sobre un clásico vivo (Xosé Neira Vilas) e, segundo, porque o autor é padriño literario de todos e todas os que escriben na actualidade en lingua galega. Non se poden entender o xornalismo e literatura galega contemporánea sen a inevitable presenza de Xosé Neira Vilas.
Diante deste enorme reto e grazas á súa mestría como escritora, a María Canosa non lle tremeu o pulso. Así, nestes 50 textos detéctanse claramente dúas cousas. Primeira, o gran coñecemento de toda a obra do autor (con seguridade, afirmo, que na biblioteca persoal da familia Canosa-Blanco respousan a totalidade das xoias literarias escritas por Neira Vilas). Segunda, o vínculo que parece derivarse do coñecemento persoal do matrimonio Xosé Neira-Anisia Miranda.
Este é tamén un libro que nos descubre o mellor Neira Vilas. Hai un texto de referencia: “Balbino”; o Balbino das
Memorias dun neno labrego, que para moitos non só foi a porta de entrada na literatura galega, senón que tamén o espello social de todos os que nacemos nesta Galicia rural.
Coma no volume de Castelao, en Do A ao Z con... Neira Vilas viaxaremos pola xeografía biográfica de Pepe Neira: pola aldea, por Gres, polas terras do Deza, polas ribeiras do río Ulla, por Arxentina e por Cuba. Acudiremos ó recordo de imprescidibles libros da narrativa do século XX:
Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Querido Tomás, Cartas a Lelo, Remuíño de sombras, Camiño bretemoso, Tempo novo, A muller de ferro, A marela Taravela, Historias de emigrantes, O cabaliño de buxo. Lembraremos o importante papel desempeñado por Neira e Anisia a prol do libro galego en territorio americano grazas á fundación da distribuidora Follas Novas. Observaremos como o público infantil ocupaba moitos dos desvelos deste matrimonio coa publicación da revista
Zunzún. E recordaremos temáticas que forman o catálogo imprescindible do mundo creativo de Pepe Neira: a emigración, a aldea, a xente, a posguerra ou Galicia.
Para min hai un momento especial neste libro: “Cuba”. É o texto que María Canosa dedica á nosa amiga Anisia Miranda aínda non hai tanto tempo falecida.
Para concluír, deducimos que se ben as figuras e mundos creativos de Castelao e Neira Vilas ocupan un papel de relevo nos anaqueis da biblioteca Canosa-Blanco, seguramente que tamén os exemplos de vida marcados pola ética deste rianxeiro e deste vilacrucense son modelos a seguir polas dúas autoras ceenses. A partir de agora, para todos e todas nós, grazas a estes dous pequenos pero suxerentes libriños (
Do A ao Z con... Castelao e
Do A ao Z con... Neira Vilas) seranos máis doado comprender a inmensidade destes dous escritores, verdadeiros referentes humanos e literarios da Galicia do século XX.
Outros artigos de Xosé Manuel Varela Varela
Novas relacionadas